A Xunta abre o prazo para transformar locais en vivendas de promoción pública en Ourense

OurenseXa
O Goberno galego destina 2 millóns de euros a esta iniciativa para incrementar o número de vivendas públicas na cidade
presentacion-opa-vivenda-ourense
26 Mar 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación de Construtores de Ourense (ACO), do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia (COAFGA), do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Ourense (COATOU), do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (delegación de Ourense) e da Asociación de Empresas Inmobiliarias de Galicia (ASEMI) para informarlles da apertura do prazo de presentación de solicitudes da Oferta Pública de Adquisición (OPA) de locais na cidade para a súa transformación en vivendas de promoción pública en alugueiro, que permanecerá aberto ata o 1 de maio.

Manuel Pardo, acompañado da directora Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e de técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), explicou que a Xunta destina 2 millóns de euros a esta iniciativa piloto para incrementar o número de vivendas públicas mediante a adquisición de locais sen uso situados en baixos ou entreplantas de inmobles residenciais en bo estado de conservación e libres de cargas. “Cada local deberá permitir a construción de polo menos unha vivenda que cumpra a normativa en materia de edificación e habitabilidade”, sinalou, engadindo que as ofertas poderán incluír tamén praza de garaxe ou rocho por vivenda resultante.

O delegado destacou que o IGVS realizará a taxación dos locais seleccionados e formulará unha oferta económica pola contía máis baixa entre a do propietario, o valor de taxación ou o prezo resultante da aplicación dos prezos establecidos. Ademais, o IGVS asumirá os gastos derivados dos honorarios dos profesionais que interveñan na documentación técnica e trámites administrativos ata un máximo de 1.500 euros por local.

Manuel Pardo subliñou que esta medida é unha iniciativa máis para facilitar o acceso á vivenda en Ourense, lembrando que durante 2026 se sumarán outras actuacións para ampliar o parque público, como incrementar a edificabilidade, permitir vivenda pública en solos dotacionais e multiplicar por tres as axudas a promotores e cooperativistas. “Todos estes proxectos desenvolveranse grazas aos Orzamentos de 2026, que permitirán continuar construíndo vivenda protexida, rehabilitando e avanzando no desenvolvemento de solo residencial”, indicou.

O delegado territorial puxo o acento en proxectos concretos na cidade, como a construción de 64 vivendas de promoción pública en Cambedo de Raia e o proxecto do PIA do Escorial-Vinteún, que contempla 1.435 vivendas e máis de 45.000 metros cadrados de espazos verdes cun investimento inicial de 13,5 millóns de euros do Goberno galego. Ademais, lembrou a promoción de 12 vivendas en San Cibrao das Viñas, na Urbanización Gonoba, cun investimento de 2,3 millóns de euros nunha parcela de 470 metros cadrados cedida polo Concello.

Estas iniciativas, destacou Pardo, “buscan dar resposta á demanda de vivenda pública, garantindo calidade, seguridade e o bo uso dos recursos públicos”.

0.13354301452637