A Xunta amosa á presidenta da Fundación Eduardo Barreiros o potencial do Centro Galego de Innovación

OurenseXa
O Goberno galego e a entidade estudan a colaboración futura en proxectos de innovación industrial
xunta_fundacion_eduardo_barreiros
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompaña a Mari Luz Barreiros nunha visita institucional ao centro que leva o nome do lendario emprendedor ourensán
23 Feb 2024

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompañou esta mañá á presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, Mari Luz Barreiros, nunha visita institucional ao Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, para coñecer de primeira man os proxectos de innovación que se están desenvolvendo neste centro que leva o nome de seu pai, o lendario emprendedor ourensán Eduardo Barreiros.

Así mesmo, a visita serviu para estreitar lazos entre o Goberno galego e a Fundación Eduardo Barreiros, que analizan a colaboración conxunta futura en proxectos de innovación industrial.

Desde a Xunta de Galicia amosóuselle a Mari Luz Barreiros os diferentes proxectos e iniciativas que se están a desenvolver nas catro áreas do Eduardo Barreiros: Innovación Aplicada, Emprendemento Industrial, Formación de Alta Especialización e Comunicación Estratéxica e Internacionalización.

En concreto, están en marcha neste espazos proxectos arredor da economía circular do ciclo da auga, da enogastronomía, do fornecemento do vehículo eléctrico, de fomento de robots de utilidade medioambiental e de realidade estendida aplicada á FP. Tamén de metodoloxías innovadoras e áxiles para a aprendizaxe do inglés ou de deseño e fabricación de vestiario e novos materiais para mellorar as condicións de confortabilidade no mundo das artes do mar e técnicas de marisqueo, dando protagonismo á muller.

0.20674800872803