A Xunta apunta ás "deficiencias na construcción" como causa do derrumbe da ponte de Xunqueira de Espadanedo

Según os técnicos da Xunta, a causa de que cedese o estribo atópase nunha deficiente execución no momento da súa construción, que non se axustou ao proxecto orixinal
Ponte_Xunqueira2
Ponte de Xunqueira de Espadanedo
29 Feb 2024

A Xunta avanza na definición da  solución para a reconstrución do estribo danado na ponte de Xunqueira de Espadanedo, na estrada OU-536.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou hoxe in situ o traballo que se está a desenvolver na ponte, polo procedemento de emerxencia, para proceder á súa reconstrución, logo de que o pasado día 26 caese parte dun dos seus estribos, a parte máis alta do mesmo, coa ponte pechada ao tráfico.

Os traballos que se van executar consistirán na reconstrución do apoio da ponte dispoñendo un recheo de pedra nos primeiros metros e cun ancho suficiente nos muros de sillería que permitan garantir a súa resistencia. Tamén se reaproveitarán os sillares da propia ponte susceptibles de reutilización.

Os técnicos constataron que a causa de que cedese o estribo atópase nunha deficiente execución no momento da súa construción, que non se axustou ao proxecto orixinal.

A ponte foi construída no século XIX e as avaliacións técnicas realizadas sobre o estado actual do estribo, formado por dous muros de contención de sillerías laterais, evidencian que foi executado  sen dispoñer a anchura necesaria na súa parte inferior para garantir a capacidade de resistencia e cun recheo insuficiente e de mala calidade, o que propiciou que se derrubase na súa parte superior.

Para paliar a deficiente execución do recheo do estribo, o departamento de Infraestruturas da Xunta prevé a súa reconstrución cun recheo adecuado no que os primeiros metros sexan de pedra e cunha sección adecuada nos muros de sillería.

Constátase, ademais, que a caída dos muros laterais do estribo na parte máis alta non afectou ao arco contiguo da ponte, situado a 4 metros de distancia.

Nestes momentos estanse a acometer xa tarefas de retirada do firme e do recheo, no marco do procedemento de emerxencia para a reconstrución do estribo e a estabilización da ponte que ten activado a Xunta.

O obxectivo dos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas é reconstruír, nun prazo de 3 meses, a parte danada e asegurar a estabilidade do que está en bo estado co fin de solucionar definitivamente os problemas xurdidos nos últimos meses.

A infraestrutura estaba sendo monitorizada nos últimos meses, desde que se detectaron problemas, para avaliar o seu comportamento e garantir a seguridade viaria.

Ese control de monitorización que estaban a realizar os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas implicou o control en 3D da ponte, con puntos “diana” para detectar movementos de modo inmediato, que foi o que permitiu actuar coa previsión suficiente e restrinxir totalmente o tráfico desde o pasado venres.

Cómpre lembrar que a Xunta vén desenvolvendo un programa de inspección de pontes e obras de paso nas estradas autonómicas co que se realizan controis periódicos sobre estas infraestruturas para intervir nelas de modo áxil, se é necesario, e garantir un bo estado de conservación.

Co fin de facilitar a mobilidade dos usuarios desta estrada mentes se executan as obras de emerxencia na ponte de Xunqueira de Espadanedo permanece habilitado o desvío polas vías OU-0106 e OU-0153, que supón arredor de 5 minutos de traxecto e pasar de 1,4 a 3,8 quilómetros percorridos.

0.17481708526611