A Xunta asegura que garantirá alimentos para o gando nas zonas afectadas polos incendios

A Xunta de Galicia anunciou que asegurará a subministración de alimento para o gando das explotacións afectadas polos incendios. Así o trasladou este martes o presidente autonómico, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante unha visita a unha explotación en Chandrexa de Queixa que sufriu as consecuencias do lume.
Segundo explicou o Goberno galego, moitos gandeiros quedaron sen pastos e sen reservas de alimento debido aos incendios. Por este motivo, desde o sábado 16 a Xunta está a garantir a alimentación dos animais, asumindo ademais todos os custos desta medida.
Rueda instou aos gandeiros que o precisen a contactar cos seus concellos, que serán os encargados de trasladar as necesidades á Xunta. Ademais, anunciou que a próxima semana se aprobará un paquete de axudas dirixido a cubrir, entre outras cuestións, os gastos derivados da compra de pensos e outros produtos de alimentación animal.
As actuacións, segundo a Xunta, están a desenvolverse en coordinación cos concellos e asociacións de gandeiros, mediante unha contratación de emerxencia coa empresa pública Tragsa. Actualmente existen seis puntos de recollida de alimento habilitados en Ourense, con previsión de ampliar a rede ata oito.
O Executivo autonómico subliñou que estas medidas pretenden dar marxe ás explotacións afectadas para organizar a compra de pensos, á vez que se ultiman as ordes de axudas económicas.