A Xunta comprométese a acometer as obras de rehabilitación do CEIP Manuel Luís Acuña, que acumulan máis dun ano de atraso

A Xunta de Galicia comprometeuse este xoves a mellorar o colexio Manuel Luís Acuña de Ourense, onde está prevista unha rehabilitación integral cun orzamento estimado dun millón de euros. Esta actuación enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica para o período 2024-2028 pero, tal e como denunciaron en reiteradas ocasións tanto desde o PSOE como desde o BNG, os traballos acumulan un atraso de máis dun ano. De feito, as obras foron anunciadas no ano 2023, co compromiso de iniciarse ao ano seguinte, e a día de hoxe seguen sen data concreta de execución.
Unha situación que foi denunciada esta mañá ante o Parlamento galego pola deputada nacionalista Noa Presas, e que xa fora advertida polo grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense o pasado 14 de xaneiro durante unha visita ao centro, onde constataron que hai aulas pechadas debido á entrada de auga e ás baixas temperaturas. Segundo a súa denuncia, esta situación está a causar problemas na instalación eléctrica, provocando cortes de subministración que afectan directamente ao funcionamento da caldeira de calefacción.
Con todo, desde a Xunta néganlle gravidade á situación e aseguran que unha inspección técnica confirmou que non existen problemas estruturais no edificio. As incidencias detectadas, sinalan, débense a un fallo nos aliviadoiros dos canlóns, deseñados para un contexto de choivas menos intensas que o actual, o que dificulta a evacuación da auga e provoca filtracións puntuais. Trátase, segundo explicou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, dunha incidencia “perfectamente identificada” de mantemento que é competencia municipal. Os técnicos do Concello, explicou, xa accederon á zona da baixocuberta, aínda que a solución definitiva deberá agardar a que as condicións meteorolóxicas o permitan.
Por outra banda, o responsable autonómico asegurou que na actualidade non existe ningún problema operativo coa calefacción e que o centro está funcionando con normalidade.
Así o explicou este mércores na Comisión 3ª do Parlamento, onde detallou que o proxecto técnico xa está redactado e se atopa actualmente en fase de supervisión por parte da unidade de obras da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. A rehabilitación integral prevista permitirá renovar distintos elementos do centro educativo, que conta con uns 40 anos de antigüidade. Entre as actuacións contempladas figuran a substitución da cuberta, das ventás e da fachada, así como a renovación dos falsos teitos e das luminarias.