A Xunta comprométese a estudar medidas propostas polo sector gandeiro en Ourense

GaliciaXa | OurenseXa
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estudará a proposta de plan de rozas e queimas controladas nos espazos naturais da súa competencia que vai elaborar o sector agrogandeiro da zona
xunta-gandeiros-ourense
20 Jan 2026

Representantes da Xunta de Galicia mantiveron esta mañá un encontro con gandeiros da provincia de Ourense para coñecer de primeira man as demandas e dificultades ás que se enfronta o sector no desenvolvemento da súa actividade diaria. Na reunión participaron a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Durante a xuntanza, os responsables autonómicos escoitaron as principais preocupacións expostas polos profesionais do sector e comprometéronse a impulsar diferentes actuacións dentro do ámbito das súas competencias, así como a manter contactos a nivel institucional para tratar de dar resposta a estas cuestións.

Entre os acordos acadados, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático anunciou que analizará a proposta de planificación de rozas e queimas controladas en espazos naturais da súa competencia que será elaborada polo sector agrogandeiro da zona. Ademais, está previsto realizar visitas conxuntas ao territorio para avaliar as necesidades máis urxentes e aquelas nas que se poida intervir a curto prazo.

No encontro tamén se abordou a xestión dos espazos incluídos na Rede Natura 2000, especialmente en zonas de uceiras e pastos, co obxectivo de aclarar que actuacións son compatibles cun aproveitamento sostible do monte.

Por outra banda, desde a Xunta trasladouse aos gandeiros o compromiso de seguir prestando apoio fronte aos danos provocados por especies silvestres como o lobo ou o xabaril. Neste eido, lembraron que entre decembro do pasado ano e este mes se publicaron diferentes liñas de axuda que suman preto de catro millóns de euros destinados á prevención e compensación destes danos nas explotacións e nos cultivos.

⚙ Configurar cookies
0.08514404296875