A Xunta defende a súa aposta por reforzar o transporte metropolitano en Ourense e responsabiliza ao Concello pola “falta de acordos”

O Goberno galego tratou “en reiteradas ocasións” de avanzar na implantación completa do sistema na área ourensá, aínda que sen lograr acordos suficientes.
A Xunta de Galicia defendeu este mércores a súa implicación na mellora do transporte metropolitano na contorna de Ourense. A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, compareceu no Parlamento galego para detallar a situación do servizo e explicar as actuacións impulsadas nos últimos anos para fomentar o uso do autobús.
Fontela sinalou que o Goberno galego tentou “en reiteradas ocasións” avanzar na implantación completa do sistema na área ourensá, aínda que sen alcanzar acordos suficientes, e lembrou que, aínda así, se introducíron diversas melloras para responder ás necesidades dos concellos e dos usuarios. Entre elas destacou a ampliación en 2020 da tarxeta Xente Nova a toda a provincia, unha medida que daquela só estaba dispoñible nas cinco áreas metropolitanas xa constituídas en Galicia.
A responsable de Mobilidade tamén aludiu ao convenio asinado ese mesmo ano co Concello de Barbadás, que permitiu abaratar os desprazamentos internos e as viaxes cara a Ourense, ademais de activar bonificacións específicas para estudantes, pensionistas e persoas en situación de vulnerabilidade. Grazas a ese acordo, Barbadás “bonificou máis de 370.000 viaxes en 2024”.
Durante a súa intervención, Fontela repasou as ampliacións e axustes realizados este ano a petición dos municipios: máis servizos ao Hospital do Piñor, o restablecemento no verán da conexión entre A Valenzá, Ourense e o parque acuático de Monterrei, a mellora dos accesos ao parque empresarial do Pereiro de Aguiar e a Monterrei, así como novas frecuencias cara ao centro de saúde e o polígono de San Cibrao das Viñas.
A directora xeral subliñou ademais a ampla rede de autobús interurbano que xa funciona na contorna da capital, formada por 14 concesións que suman máis de 96.000 servizos ao ano e que enlazan puntos clave como a estación intermodal, a área hospitalaria, o campus universitario e distintos polígonos industriais. A maioría dos desprazamentos —lembrou— realízanse entre os concellos da área e a cidade de Ourense.
Por iso, insistiu na necesidade de que a capital se incorpore ao sistema metropolitano unha vez resolto o contrato do autobús urbano, xa que a súa integración permitiría completar o mapa de mobilidade e facilitar os desprazamentos diarios en toda a comarca.