A Xunta demandará ao Goberno medidas para garantir a viabilidade do taller de Renfe en Ourense

OurenseXa
Advirten de que o anuncio de licitación do servizo de mantemento das locomotoras pon en risco a supervivencia do taller na provincia
xunta-reunion-cgt-renfe
Diego Calvo reúnese con membros do sindicato CGT en Renfe
3 Jun 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse este luns con representantes do sindicato CGT en Renfe, quen solicitaron o apoio da Xunta ante o anuncio da compañía ferroviaria de licitar o servizo de mantemento das locomotoras, o que supón unha externalización e pon en risco a viabilidade do taller en Ourense.

Na xuntanza, Diego Calvo asegurou que o Goberno galego comparte a preocupación dos traballadores pola situación dos tres talleres de Renfe en Galicia, situados en Redondela, Ourense e Ferrol, polo que se comprometeu a contactar co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable para solicitarlle unha folla de ruta clara e precisa sobre o futuro destas instalacións e, de maneira específica, sobre o caso ourensán tras o anuncio da licitación. O conselleiro incidiu na necesidade de coñecer cales son as previsións de negocio e os retos para os vindeiros anos.

Ademais, Diego Calvo confirmou aos traballadores que a Xunta se suma á súa demanda de crear en Galicia unha base para o mantemento dos trens de alta velocidade, concretamente dos Avril, que son os que operan en Galicia, co obxectivo de consolidar o emprego ferroviario na comunidade.

Para o conselleiro, a importancia estratéxica das instalacións ourensás fai imprescindible a súa supervivencia. Asegura que "eliminar este taller suporía un novo agravio a Galicia, xa que debilitaría aínda máis a infraestrutura ferroviaria da comunidade, que ademais acumula proxectos e investimentos pendentes".

⚙ Configurar cookies
0.17590618133545