A Xunta denuncia que o Concello rexeitou unha axuda de 1,4 millóns de euros para completar a reforma da Praza de Abastos

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, así como de representantes municipais e dos praceiros, visitou este sábado as prazas de abastos do Carballiño e Ourense no marco da celebración da campaña ‘Quere o teu mercado’, unha iniciativa internacional á que Galicia se suma na xornada de hoxe en máis de 60 mercados de toda a Comunidade como parte do compromiso estratéxico da Xunta co fortalecemento das prazas de abastos como espazos fundamentais do comercio de proximidade e elementos vertebradores do territorio.
Durante a visita, o conselleiro puxo en valor a importancia desta campaña que contribúe a dar visibilidade aos mercados, atraer novo público consumidor e promover o produto galego de calidade. Destacou que as prazas de abastos non son só espazos de venda, senón tamén lugares de encontro e parte esencial da identidade dos municipios galegos. Nese sentido, salientou o traballo que está a realizar a Xunta a través do Plan estratéxico de comercio de Galicia, con actuacións específicas como o pulo ao selo Mercados Excelentes ou a futura iniciativa ‘Prato de mercado’ que promoverá sinerxías cos mellores restaurantes das súas contornas.
A edición deste ano de ‘Quere o teu mercado’ conta coa participación de 63 prazas de abastos localizadas en 52 concellos de toda Galicia, entre eles catro da provincia de Ourense —O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Ribadavia e Ourense—, que suman arredor de 2.550 praceiras e praceiros implicados. Ao longo desta xornada, a Xunta distribuirá máis de 4.300 mandís e 18.250 bolsas de algodón nos mercados participantes. Ademais, desenvolveranse diferentes actividades de dinamización como showcookings, actuacións musicais, sorteos de cestas de produtos, obradoiros infantís e concursos de debuxo, contribuíndo así a crear un ambiente atractivo e participativo.
No mesmo marco de apoio a estes espazos comerciais, José González salientou a recente resolución da orde de axudas impulsada pola Xunta para dinamizar e modernizar as prazas de abastos e promover a súa certificación como Mercados Excelentes, cun investimento total de 3,2 millóns de euros que beneficiará a 31 concellos e 14 asociacións e federacións vinculadas a estes espazos. No caso da provincia de Ourense, están a acollerse a esta liña os mercados de Ribadavia, Xinzo de Limia e O Carballiño, cun investimento conxunto que supera os 260.600 euros. Estas achegas permitirán avanzar na redacción de proxectos técnicos e na execución de melloras estéticas e funcionais, dando continuidade ao traballo de diagnose realizado no ano anterior tamén co apoio da Xunta.
Un posicionamento completamente oposto ao adoptado polo Concello de Ourense na Praza de Abastos nº1, que na xornada de hoxe, lamentou González, non contou con representación do goberno municipal, nun momento no que apoio instucional a prol das prazas de abastos é unánime por parte de todas as administracións e forzas políticas. O conselleiro sinalou que Ourense, nin tan sequera solicitou estas axudas autonómicas, rexeitou a colaboración extraordinaria da Xunta -1,4 millóns- para completar a reforma do mercado e agora pretende que sexan os propios praceiros os que asuman esta actuacións para contar cunhas condicións mínimas de funcionalidade que teñen garantidas por contrato. Deste xeito o Concello está desatendendo as súas obrigas nun edificio municipal e, advertiu o conselleiro, isto só levará á xudicialización do conflito para prexuízo dos centenares de postos de traballo que dependen, directa ou indirectamente, da Praza, dos máis de 3.000 clientes diarios do mercado e de toda a cidade.