A Xunta destaca a labor de Expourense como elemento dinamizador da economía local
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou este mediodía na inauguración da 12ª edición da Feira internacional de produtos e servizos funerarios Funergal. Alí, puxo de relevo a importancia de Expourense como recinto feiral, clave para a dinamización socioeconómica da cidade e do conxunto da provincia de Ourense.
Trátase da primeira das tres feiras internacionais que organiza Expourense este ano. Desenvolverase ata este sábado 18 de maio, coa participación de 55 expositores procedentes dun total de oito países (España, Portugal, Francia, Italia, Países Baixos, Polonia, México e China). Canto aos visitantes, están previstos asistentes dun total de 19 estados, entre os que se inclúen Alemaña, Reino Unido, Brasil, Ecuador, O Salvador, Honduras, Perú, India, Nixeria e Senegal.