A Xunta destaca o papel da campaña ‘Merca no teu comercio’ para impulsar o comercio de proximidade no barrio do Couto

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, realizou un percorrido pola zona comercial do Couto, que participa na campaña de dinamización comercial Merca no teu comercio, posta en marcha pola Xunta e a Federación Galega de Comercio para estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade, especialmente nos municipios rurais galegos e nos barrios sen asociación comercial. A iniciativa desenvolverase nas catro provincias galegas con 10 campañas en cada unha delas, cunha duración de 15 días e rematando cunha entrega de premios.
As accións de dinamización realizaranse entre o 15 de xuño e o 31 de outubro —ambos incluídos- e enmárcanse no convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación e dinamización do sector.
Os consumidores que queiran participar nela deberán rexistrar a súa compra a través da páxina web www.mercanoteucomercio.com.Tamén poderá ser rexistrada polo comerciante a través da mesma plataforma, duplicando deste xeito a participación do consumidor e incrementando as posibilidades de gañar unha das 20 tarxetas prepago por valor de 50 euros que se sortearán en cada unha das campañas e que poderán ser canxeadas nos comercios minoristas das respectivas localidades ata o 31 de decembro deste ano. En concreto, os establecementos comerciais do barrio do Couto adheridos a esta iniciativa, levan arredor de 3.000 rexistros.