A Xunta destina máis de 3 millóns de euros na mellora de seis estradas autonómicas na provincia de Ourense

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Trátase da OU-533, OU-602, OU-603, OU-622, OU-636 e OU-933, que discorren polos concellos do Bolo, Petín, Larouco, A Rúa, O Barco, Rubiá, Pobra de Trives, e a OU-636 no municipio lucense de Quiroga
Mapa de estradas, Ourense
Mapa de estradas, Ourense
21 Nov 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou hoxe por importe de 3.015.517 euros as obras de mellora do firme en 6 estradas autonómicas ao seu paso por 7 concellos da provincia de Ourense.

O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas autonómicas OU-533, OU-602, OU-603, OU-622, OU-636 e OU-933, que discorren polos concellos do Bolo, Petín, Larouco, A Rúa, O Barco, Rubiá, Pobra de Trives. No caso de OU-636 se intervirá no municipio lucense de Quiroga.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou hoxe esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de decembro. Os traballos contan cun prazo de execución previsto de 4 meses.

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé adxudicar en marzo do 2025 o contrato para executar os traballos de acondicionamento destas estradas neste ano.

Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas das vías obxecto destas intervencións.

As intervencións completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

O departamento que dirixe María M. Allegue segue a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste exercicio 53 M€ á súa conservación. Nos orzamentos do 2025, a aposta pola seguridade viaria, a través da conservación das estradas autonómicas e a mellora de firmes, volve tamén a ser un eixo fundamental, con máis de 68M€, un 30% máis que neste ano.

0.14173889160156