A Xunta destinará preto de 800.000 euros para mellorar a seguridade viaria na OU-540 ao seu paso pola Merca

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou hoxe un investimento de preto de 800.000 euros para as obras de mellora da seguridade viaria da estrada autonómica OU-540 ao seu paso polo concello da Merca. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe a zona do núcleo da Manchica onde se desenvolverá esta intervención.
A actuación comprende un conxunto de intervencións centradas na mellora das interseccións e a reordenación dos accesos da OU-540 na contorna da Manchica. Trátase, como destacou a conselleira, dunha actuación moi demandada polo concello e veciñanza e que se enmarca no compromiso da Administración autonómica “cunhas infraestruturas modernas, funcionais, cómodas e sostibles, sempre, partindo dunha premisa fundamental: a nosa absoluta prioridade é a seguridade viaria”.
A Xunta somete ata este vindeiro venres 11 de abril este proxecto a información pública, coa previsión de desenvolver as obras no vindeiro ano 2026.
En concreto, entre as actuacións previstas, figura a creación dunha glorieta na confluencia da estrada con outros viarios provinciais (OU-0201 e OU-0202) para canalizar a circulación con maior seguridade e facilitar así tamén o acceso á autovía AG-31, así como así como a habilitación dun novo acceso ao principal ámbito de solo urbano núcleo da Manchica, conectando esta estrada co viario interior do chan urbano (rúa Val do Seixo).
Os traballos complétanse con reforzos de firmes noutros tramos, renovación de beirarrúas, actuacións de reposición da sinalización, alumeado e dos servizos afectados no treito de actuación. Ademais, habilitaranse sendas peonís en ambas marxes noutro dos tramos de actuación para garantir a seguridade dos colectivos máis vulnerables.
“En definitiva”, sinalou M. Allegue, “intervencións que se enmarcan na nosa aposta por continuar mellorando esta estrada que vertebra a comarca da Baixa Limia e supón a vía de conexión entre esta provincia de Ourense e Portugal”.
A conselleira destacou tamén a colaboración co Concello en materia de vivenda. Hai que lembrar que nos últimos cinco anos desde a Xunta se concederon 11 axudas por un total de 73.240 euros no marco da liña de achegas para adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes