A Xunta destinará un orzamento de 2,8 millóns de euros para restaurar a Catedral de San Martiño

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá os traballos arqueolóxicos realizados na Fraga Raxada, en Lobios, acompañado da alcaldesa, María del Carmen Yáñez. A actuación, financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con máis de 18.000 euros, forma parte do Plan de intervencións arqueolóxicas 2025, que busca a conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico da provincia.
Durante a visita, Manuel Pardo salientou o investimento previsto para o vindeiro ano na provincia. “Proba disto”, dixo, “son os 2,8 millóns de euros contemplados nos orzamentos de 2026 para levar a cabo actuacións de restauración na Catedral de San Martiño de Ourense que, ao abeiro do Plan catedrais de Galicia, eleva o investimento total feito neste ben ata os 6,3 millóns de euros desde o ano 2009”.
O delegado territorial subliñou a liña de traballo da Xunta destinada a garantir que os bens máis significativos estean nas mellores condicións, especialmente aqueles vinculados co Camiño de Santiago. Ademais, destacou a importancia de conservar e poñer en valor o patrimonio cultural.
No marco das intervencións arqueolóxicas, a Xunta colabora con distintos concellos ourensáns en proxectos como a recuperación da Cibdá de Armea en Allariz, traballos no Castelo de Cabreira, no Bouzadoiro de Verín, ou a posta en valor do antigo mosteiro de San Xoán de Camba en Castro Caldelas, entre outros. O investimento provincial no plan de 2025 ascende a preto de 260.000 euros.
No xacemento castrexo da Raxada, os investigadores traballan sobre unha área duns 60 m², ampliando a escavación na zona da torre e caracterizando as estruturas documentadas na campaña anterior. Tamén se están a realizar levantamentos topográficos xeorreferenciados mediante fotogrametría 3D e o estudo dos materiais arqueolóxicos, que serán tratados e depositados nos museos correspondentes.
O xacemento da Fraga Raxada, situado na parroquia de A Cela en Lobios, pertence á Alta e Plena Idade Media e destaca por construcións de marcada rusticidade adaptadas á orografía granítica. Segundo a tradición oral, no cumio máis elevado sitúase a chamada “Casa dos Mouros”, que os veciños identifican coas restos dunha antiga torre con amplo dominio visual sobre os vales do Salas, Limia e Arauxo.