A Xunta destinou máis de 1,7 millóns de euros en programas de conciliación na provincia de Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta semana, acompañado do alcalde, José Luis Valladares, aos participantes do campamento do concello de San Cristovo de Cea, unha das iniciativas levadas a cabo en 73 concellos ourensás para favorecer a conciliación, nas que a Consellería de Política Social e Igualdade cofinancia co Ministerio de Igualdade do Goberno de España, con máis de 1,7 millóns de euros a través do Plan Corresponsables no ámbito local.
Durante a súa estadía, o delegado territorial sinalou que a Xunta destinou 6,5 millóns de euros na convocatoria deste ano, co fin de financiar diferentes campamentos de verán e actividades para a infancia e a adolescencia durante os períodos non lectivos en máis de 230 concellos galegos.
No caso en concreto de San Cristovo de Cea, o representante do Goberno galego lembrou que este municipio recibiu máis de 24.000 euros para apoiar o desenvolvemento dun amplo programa de actividades de conciliación e sensibilización, e á vez ofértanse aos rapaces e rapazas deste campamento unha variedade de recursos educativos, articulados ao redor dun programa fundamentalmente lúdico.
Manuel Pardo destacou que as iniciativas apoiadas pola Xunta no marco do Plan Corresponsables son unha mostra máis da aposta do Goberno galego pola conciliación e a corresponsabilidade, financiando alternativas para que as familias poidan ter aos seus fillos atendidos; pola igualdade, para que os coidados non recaian sempre nas nais; e pola colaboración cos concellos e coas entidades, que é a forma máis eficiente de chegar a todos os puntos de Galicia. “Con este tipo de iniciativas maniféstase o compromiso da Xunta para seguir impulsando este tipo de proxectos que son imprescindibles para seguir avanzando nunha Galicia máis igualitaria” sentenciou o delegado territorial.