A Xunta e o concello de Monterrei colaboran nun proxecto de humanización dunha fonte no municipio
A Consellería do Medio Rural e o Concello de Monterrei colaboraron para a realización do proxecto de humanización da fonte da praza Vilanova de Estevesiños, situada neste municipio ourensán.
Así, leváronse a cabo obras de conservación, mantemento, mellora e posta en valor desta infraestrutura e da súa contorna, cun investimento total de 36.300 euros. Esta actuación permitiu recuperar estes elementos etnográficos que son representativos da arquitectura tradicional e popular galega, e satisfacer ao tempo as necesidades da veciñanza.
Con este tipo de iniciativas búscase mellorar a calidade e a condición de vida da poboación, potenciando e estimulando o arraigo desta sobre o territorio que habita e contribuíndo ademais á cohesión da vida social no medio rural.
Así pois, o obxectivo último desta intervención é mellorar a infraestrutura existente no territorio para fortalecer o desenvolvemento do rural galego, mellorar a relación social dos veciños e evitar o despoboamento.