A Xunta e o Concello de Toén avanzan na instalación dunha fosa séptica no núcleo de Freixendo

OurenseXa
O proxecto, valorado en preto de 80.000 euros, pretende dotar a zona deste servizo básico
xunta-depuradora-toen
12 Nov 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse este mércores co alcalde de Toén, Ricardo González, para analizar os proxectos de mellora do saneamento no municipio. Entre as iniciativas destaca a instalación dunha fosa séptica no núcleo de Freixendo, que permitirá dar servizo a arredor de corenta veciños.

Durante o encontro, Vázquez animou ao rexedor a acollerse ás axudas que Augas de Galicia lanzará en breve, cun orzamento inicial dun millón de euros, destinadas á creación de sistemas de saneamento autónomos. Estas subvencións poderían financiar boa parte da actuación prevista.

A conselleira salientou ademais que en 2026 o organismo autonómico destinará 17,8 millóns de euros aos núcleos rurais, o que supón un incremento do 40 % respecto ao exercicio anterior. Este investimento permitirá reforzar a resiliencia hídrica de Galicia e contribuír á fixación de poboación no territorio. As actuacións abranguerán tanto áreas periurbanas de cidades como Ferrol, Santiago ou Lugo, como pequenas parroquias e zonas dispersas, entre elas Toén.

Outro dos temas abordados foi o saneamento do núcleo de Fonte Larelle. O alcalde presentou un proxecto valorado en preto de 80.000 euros para dotar a zona deste servizo básico. Vázquez comprometeuse a que o persoal técnico de Augas de Galicia revise a proposta e estude as vías para executala e financiarla conxuntamente.

A titular de Medio Ambiente reiterou o compromiso da Xunta de continuar apoiando aos concellos tanto técnica como economicamente para mellorar o abastecemento e o saneamento e garantir servizos de calidade á cidadanía.

O orzamento total de Augas de Galicia para 2026 ascenderá a 151,7 millóns de euros, un 5,5 % máis que este ano. Os fondos servirán para optimizar infraestruturas, impulsar a formación e a sensibilización ambiental e desenvolver políticas activas fronte ao cambio climático, co obxetivo de facer un uso máis eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante melloras nas redes de depuración e abastecemento, a creación de corredores verdes e o deseño de mapas de riscos climáticos.

⚙ Configurar cookies
0.043241024017334