A Xunta e o Concello de Xunqueira de Espadanedo reforzan a súa colaboración para impulsar a olería tradicional de Niñodaguia

A Xunta de Galicia continúa a impulsar a divulgación da olería tradicional de Niñodaguia a través de novas vías de colaboración co Concello de Xunqueira de Espadanedo. Con este obxectivo,
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, mantiveron esta mañá unha reunión co alcalde de Xunqueira de Espaadado, Pablo Graña, que serviu para abordar futuras accións conxuntas orientadas a poñer en valor a olería tradicional, de maneira que contribúa tanto ao fortalecemento do sector artesanal da zona como á dinamización turística do territorio.
Niñodaguia é un dos centros de olería tradicional de Galicia, recoñecido polo uso do barro de cor amarela. Na actualidade, existen dous obradoiros de olería na localidade inscritos en Artesanía de Galicia. Un deles é Alfarería Agustín, fundada en 1975 por Agustín Vázquez, que tamén participou na reunión. O obradoiro conta con remuda xeracional desde o ano 2023 e ten participado en iniciativas como o Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, celebrado en Agolada, así como no proxecto Artesanía no Prato, centrado na integración da artesanía galega no ámbito gastronómico.
A zona dispón ademais do Museo da Olería de Niñodaguia, un espazo dedicado á conservación, recuperación e posta en valor do barro local, das formas tradicionais e do traballo dos oleiros. No ano 2025, o museo acolleu a V Fornada Tradicional de Niñodaguia nos antigos fornos de pedra, unha actividade desenvolvida no marco dos Días Europeos da Artesanía e patrocinada pola Xunta de Galicia.
O Museo da Olería de Niñodaguia é tamén a sede do Encontro de Cacharreiros, que se celebra desde 2014 e que se foi consolidando como unha cita de referencia para a divulgación e dinamización da olería e da cerámica. Este encontro conta co apoio da Xunta desde os seus inicios, chegando incluso a asumir a súa organización nas primeiras edicións.