A Xunta e o Inorde abordan novas vías para apoiar o sector agroalimentario da comarca de Allariz-Maceda

A Xunta de Galicia e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) deron este xoves un novo paso na coordinación de iniciativas destinadas a apoiar o sector agroalimentario da comarca de Allariz-Maceda. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, reuniuse en Paderne de Allariz cos responsables do organismo provincial para analizar posibles accións formativas dirixidas aos produtores da zona.
Entre as propostas estudadas figura a creación de talleres prácticos de elaboración e transformación de produtos agroalimentarios na antiga estación de tren de Cantoña. O espazo, recentemente rehabilitado e habilitado como obradoiro, podería empregarse para achegar novos recursos formativos aos profesionais do sector.
A iniciativa encaixa no traballo que a Consellería do Medio Rural está a desenvolver para ampliar a actividade dos Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA). O obxectivo é que estes centros incorporen unha oferta actualizada, orientada á innovación, á transformación e á comercialización de produtos de orixe local.
Ademais, o departamento autonómico aposta por reforzar a colaboración con instalacións distribuídas por todo o territorio galego. Con iso preténdese facilitar o acceso á formación no rural, promover o uso compartido de espazos e impulsar a profesionalización, favorecendo o nacemento de novos proxectos vinculados ao sector agroalimentario.