A Xunta entrega en Ourense os premios da campaña “Merca no teu comercio”

O barrio da Ponte, en Ourense, acolleu un novo acto da campaña Merca no teu comercio, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio que busca reforzar o comercio de proximidade en barrios e municipios con menor estrutura asociativa.
Durante o evento repartíronse 20 tarxetas regalo de 50 euros cada unha para gastar nos negocios participantes. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu á entrega acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén. Tamén estivo presente Beatriz Gómez, presidenta da Federación de Comercio de Ourense.
González aproveitou o acto para destacar que o pequeno comercio “é fonte de vida para os barrios e vilas, xera emprego e fortalece os lazos da comunidade”. Subliñou tamén que esta edición da campaña se estende “máis aló das grandes cidades”, chegando a 40 localidades e beneficiando tanto a veciñanza como a negocios de ata 80 concellos.
A campaña, que permanecerá activa ata o 31 de outubro, repartirá 40.000 euros en tarxetas (10.000 por provincia) e permitirá rexistrar compras a través da web www.mercanoteucomercio.com ou directamente nos propios comercios. Os vales poderán canxearse ata o 31 de decembro.
Na provincia de Ourense, a iniciativa xa está en marcha en concellos como A Gudiña, A Veiga, O Bolo, Viana do Bolo ou Vilariño.
O conselleiro enmarcou esta acción dentro do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, cun investimento de 320 millóns de euros e que contempla 74 medidas para mellorar a competitividade e apoiar o relevo xeracional no sector. Entre as novidades, destacou o proxecto Vilas Vivas, que terá unha experiencia piloto en Ribadavia.