A Xunta enxalza o papel de Down Ourense a favor da inclusión

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a sede da Asociación Down Ourense co gallo da conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebrará o próximo 21 de marzo.
Durante a visita, na que estivo acompañado de membros da xunta directiva da entidade, Pardo subliñou a importancia dunha inclusión “real e efectiva” das persoas con síndrome de Down. O delegado destacou que esta celebración serve para “dar visibilidade e aumentar a concienciación pública con respecto á Síndrome de Down” e lembrou que “estamos falando de persoas que fan valiosas contribucións á nosa sociedade e das que temos moito que aprender”.
Manuel Pardo resaltou tamén o traballo do Goberno autonómico para eliminar barreiras e apoiar a autonomía das persoas con discapacidade, asegurando que se poñan en valor todas as súas habilidades. Neste senso, afirmou que “as persoas con síndrome de Down demostrades cada día que non hai barreiras que non poidades derrubar coa vosa forza de vontade. Porque non son as discapacidades as que limitan, senón os prexuízos”. E engadiu: “ante as adversidades, demostrades esforzo e perseverancia; e sempre que tedes a oportunidade, demostrades ser capaces de facer todo o que vos que propoñades”.
O delegado territorial lembrou que a Xunta traballa para facilitar o acceso real ao emprego ordinario das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, mellorando a súa cualificación profesional e acompañándoas na incorporación e permanencia no mercado laboral. Neste marco, Pardo destacou a aposta pola formación para o emprego, con accións específicas para ampliar coñecementos técnicos e competencias profesionais, o servizo de emprego con apoio nos propios postos de traballo e a atención á mocidade para facilitar a transición da etapa educativa á vida adulta.
Ademais, felicitou a Down Ourense por consolidarse como unha entidade de referencia na provincia na atención a persoas con discapacidade ao longo dos últimos vinte anos, e asegurou que a Xunta seguirá colaborando co tecido asociativo para que esta atención chegue a máis persoas e cumpra cos estándares de calidade.
Down Ourense ofrece servizos de promoción da autonomía persoal en distintas áreas, entre as que se inclúen atención temperá, inclusión educativa, formación e emprego, vida adulta e independente, así como programas transversais de apoio familiar, comunicación e sensibilización social.