A Xunta impulsará en Ourense o primeiro refuxio climático urbano de Galicia con 340.000 euros

A Xunta de Galicia investirá 340.000 euros para crear no centro de Ourense o primeiro refuxio climático urbano do país, unha intervención pensada para ofrecer á veciñanza un espazo verde máis resiliente fronte ás futuras vagas de calor. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que dá continuidade ao proxecto iniciado na cidade hai máis dun ano.
A actuación centrarase na avenida Otero Pedraio, un dos grandes eixos viarios ourensáns, onde se deseñará un corredor verde lineal que conectará os extremos norte e sur da vía. Segundo explicou a conselleira, trátase dunha zona con pouca presenza de arborado consolidado e moi exposta á radiación solar ao longo do día, polo que se prevé instalar xardiñeiras, mellorar illetas e executar outras medidas destinadas a incrementar o sombreado e reducir a impermeabilidade do solo.
A previsión é que os traballos, que se desenvolverán ao longo de 2026 e serán executados polo Concello, permitan diminuír en torno a 3 graos a temperatura superficial na contorna, mitigando o chamado efecto illa de calor e convertendo a avenida nun punto de refuxio para a poboación máis vulnerable ante episodios extremos. O compromiso marcado no acordo é ter a intervención rematada antes de que finalice 2026.
A iniciativa enmárcase no programa Galicia Refuxio Climático, que na súa primeira fase incorporou a colaboración da Universidade de Vigo para desenvolver unha metodoloxía de apoio aos concellos na identificación de illas de calor e posibles refuxios climáticos. Froito dese traballo, elaborouse un dispositivo portátil capaz de xerar mapas detallados destas zonas de elevada acumulación térmica en superficies como o asfalto e o formigón.
Ourense foi elixida como escenario desta primeira experiencia por ser a cidade galega que soporta condicións térmicas máis extremas. A Xunta lembra que, no conxunto do proxecto, o investimento ascende a 450.000 euros, sumando os 110.000 euros destinados ao deseño do dispositivo e do algoritmo de detección coas actuacións urbanas previstas na avenida Otero Pedraio. A conselleira sinalou, ademais, que o modelo poderá replicarse noutros municipios de máis de 20.000 habitantes e servirá para consolidar unha metodoloxía autonómica de planificación climática urbana.
A maiores, Medio Ambiente e Cambio Climático avanzou que este ano volverá convocar por segundo exercicio consecutivo unha liña de axudas dotada con 2 millóns de euros para apoiar proxectos municipais orientados a reducir riscos asociados ao quecemento global e a crear espazos urbanos que funcionen como refuxio climático tanto para as persoas como para a biodiversidade.