A Xunta informa ao sector gandeiro sobre a dermatose nodular contaxiosa

GaliciaXa | LugoXa | OurenseXa
Medio Rural organiza unha charla para explicar as características da enfermidade, as medidas de bioseguridade e as condicións actuais de vacinación
charla-dermatose-nodular-contaxiosa-Lugo
10 Mar 2026

A sede da Xunta en Lugo acolleu unha charla informativa sobre a dermatose nodular contaxiosa organizada pola Consellería do Medio Rural e dirixida aos gandeiros da provincia. A iniciativa pretende concienciar ao sector sobre as consecuencias que pode ter esta enfermidade e lembrar as medidas preventivas de bioseguridade establecidas pola Administración autonómica para protexer a cabana bovina galega.

Durante a xornada explicáronse as principais características desta patoloxía, así como as actuacións previstas na normativa comunitaria no caso de que se detecte algún caso. Ademais, os técnicos abordaron as condicións que están vixentes na actualidade en relación coa vacinación fronte a esta enfermidade.

Esta foi a segunda charla celebrada con este obxectivo, despois da primeira sesión que tivo lugar en Ordes. O ciclo continuará o mércores no Salón Teatro de Lalín, ás 11:00 horas, nun encontro dirixido aos gandeiros da provincia de Pontevedra. A última destas xornadas desenvolverase o xoves en Ourense, no salón de actos da Delegación da Xunta na cidade, ás 10:30 horas. Todas as reunións están abertas ao público interesado e non é necesario realizar inscrición previa para asistir.

Nestes encontros incídese tamén nas medidas preventivas que permanecen en vigor en Galicia ata o vindeiro 31 de marzo, prazo que podería ampliarse en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade. Neste contexto, están permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando con finalidade comercial, aínda que só poden participar animais procedentes de explotacións galegas. Pola súa banda, os vehículos que accedan ás instalacións procedentes de fóra da comunidade deberán facelo baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.

No relativo á celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas ou exhibicións, continúa sendo obrigatoria a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, e nestes casos tamén se limita a participación a animais procedentes de explotacións galegas.

Ademais, mantense o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos que procedan de fóra da comunidade e teñan como destino explotacións galegas para vida, contados desde a súa chegada á granxa. Durante ese mesmo prazo permanecerán inmobilizados todos os animais das explotacións que incorporen bovinos procedentes doutras zonas do territorio español ou do estranxeiro, unha restrición que afecta tamén ao resto de bovinos presentes na explotación no momento da entrada dos novos animais.

Ao mesmo tempo, continúa sendo obrigatoria a desinsectación dos bovinos existentes na explotación que reciba estes animais, así como de todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada en Galicia, tanto cando o destino sexa vida como sacrificio. Neste último caso, mantense a posibilidade de entrada sempre que os animais sexan trasladados directamente ao matadoiro.

Desde a Consellería do Medio Rural transmítese unha mensaxe de tranquilidade tanto ao sector gandeiro como á cidadanía en xeral, xa que non se ten constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia. Ademais, lembran que se trata dunha doenza que non se transmite ás persoas.

Con todo, o departamento autonómico continúa reclamando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha maior implicación e a definición dunha estratexia clara de coordinación entre todas as comunidades autónomas para garantir un control eficaz da enfermidade. O obxectivo é aplicar medidas homoxéneas que acheguen seguridade e certezas ao sector gandeiro, especialmente no caso de que fose necesario activar mecanismos de indemnización.

Así mesmo, a Xunta solicita ao Goberno central que lidere, tanto no plano xurídico como económico e no marco da Unión Europea, o desenvolvemento dunha vacina marcada que poida administrarse de maneira preventiva co fin de reducir o risco de aparición desta enfermidade nas explotacións de gando vacún. Tamén reclama unha modificación da normativa comunitaria para revisar a categoría da enfermidade, actualmente clasificada como A —a máis grave—, tendo en conta que non se trata dunha enfermidade zoonótica. Ambas cuestións foron trasladadas tamén ao comisario europeo de Agricultura e Alimentación na reunión mantida a semana pasada polo presidente da Xunta en Bruxelas.

0.12869191169739