A Xunta informa dun corte total de tráfico en Ourense pola última fase das obras da senda do Barbaña

A Xunta de Galicia informou de que as obras da senda do Barbaña, en Ourense, provocarán o corte total ao tráfico rodado na avenida Pardo de Cela, na zona dos Remedios, a partir do vindeiro luns 28 de xullo. A medida, que non afectará á circulación peonil, prolongarase durante un período estimado de entre tres e catro semanas.
Esta actuación corresponde á última fase dos traballos previstos no cruzamento da avenida Pardo de Cela. Segundo o Goberno autonómico, o inicio desta fase foi coordinado co Concello de Ourense "a fin de non interferir cos días da ponte da festividade de Santiago".
A Xunta xa dispuxo a sinalización específica para os desvíos de tráfico, e durante a execución das obras habilitaranse itinerarios peonís alternativos para facilitar a mobilidade da veciñanza.
A intervención busca mellorar os movementos peonís e ciclistas, así como o paso do Camiño de Santiago, nunha actuación consensuada coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O obxectivo é crear unha superficie ampla onde os cruces poidan realizarse “en múltiples direccións en condicións de seguridade”.
Para acadar este propósito, coordinaranse os semáforos da contorna do Pavillón Municipal dos Remedios e do Colexio Salesianos. Ademais, instalarase sinalización podotáctil e horizontal, especialmente en zonas de cruzamento de peóns, carrís de circulación e cambios de rasante.