A Xunta inicia os traballos de limpeza na OU-536 ao seu paso por Pereiro de Aguiar e Castro Caldelas

A Xunta de Galicia comeza esta semana labores de limpeza e roza nas marxes da estrada autonómica OU-536, no tramo que discorre polos municipios ourensáns do Pereiro de Aguiar e Castro Caldelas.
As actuacións consistirán na retirada de vexetación, mantemento das zonas de dominio público da vía e reparación de elementos de valado perimetral, así como no acondicionamento de espazos verdes en sendas peonís e glorietas.
Segundo o Goberno galego, estes traballos están enmarcados no contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa nas estradas autonómicas, cun investimento total de 4 millóns de euros. O obxectivo é previr o risco de lumes e reforzar a seguridade viaria mediante a mellora da visibilidade e a facilitación do tránsito de peóns e ciclistas.