A Xunta inviste máis de 8 millóns de euros na renovación dos centros educativos ourensáns
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, comprobou este mércores, o remate das obras de renovación do baño de nenos e discapacitados da planta baixa e a instalación dun lavabo novo na aula de tecnoloxía do CPI Terras de Maside, nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional investiu 25.582,56 millóns de euros.
Despois de percorrer as instalacións, Manuel Pardo significou que ao longo deste ano a Xunta está a desenvolver na provincia de Ourense 128 actuacións, pequenas obras, cun investimento de 2.848.163 euros, e están en proceso de execución 6 grandes obras (renovación da cuberta do CEIP Castrelo de Miño; renovación das carpinterías do IES Celanova; substitución dos cadros eléctricos do IES 12 Outubro, e ampliación do CIFP Vilamarín, o IES Blanco Amor e o IES Chamoso Lamas) que suman máis de 5,4 millóns de euros; un total de máis de 8 millóns de euros; “o que fala ás claras do compromiso do Goberno galego coa modernización do sistema educativo, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, iniciado en 2021, e que recentemente o Presidente Rueda anunciou a súa prórroga tres anos máis, cun investimento inicial de 210 millóns de euros.
Tamén destacou o delegado territorial que o curso escolar 2024-2025 será o primeiro no que Galicia implante a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”; e subliñou outras novidades para este novo curso como o incremento récord do profesorado, a redución dos rateos nun 20%, a mellora da atención á diversidade ou o Plan MEGA, orientado a fomentar o éxito escolar do alumnado con medidas como a atención ás necesidades educativas especiais.
O Plan de nova arquitectura pedagóxica inclúe case 2.700 actuacións en toda Galicia para mellorar as instalacións de escolas, colexios, institutos, centros integrados de FP e conservatorios dependentes do Executivo autonómico. Neste momento están rematadas, en execución ou licitadas o 98 % delas, por un importe de máis de 229 millóns de euros. O 2 % restante xa está comprometido, de tal forma que boa parte xa contan con proxecto encargado ou en revisión para a súa próxima execución.
O delegado territorial lembrou unha das liñas estratéxicas coas que Galicia vai planificar a educación do futuro, adiantándose ao resto de España. Aí atópanse medidas como a mellora das rateos, cun 20% menos de alumnos por aula para dar unha mellor atención, e que este curso mantén abertas 204 aulas que pecharían coas vellas rateos.
A mellora comeza xa en 4º de Infantil, que pasa dun máximo de 25 a 20 alumnos, e irase estendendo progresivamente ao resto de niveis, que xa se benefician doutras medidas que consolidan a Galicia como unha das comunidades con mellores rateos medias.
O representante do Goberno autonómico recalcou que Galicia contará este curso cun total de 31.603 profesores, a cifra más alta da historia no ensino da Comunidade, coa nova incorporación de 1.256 novos profesores. Malia ao descenso da matrícula que se produce na súa meirande parte nas etapas de Infantil e Primaria, cunha caída de máis de 4.000 alumnos, estes centros contarán co mesmo número de aulas. En concreto, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis ca no ano académico que vén de rematar.
Outras medidas novidosas
Manuel Pardo puxo tamén en valor o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, aprobado a semana pasada polo Consello cun investimento de máis de 77 millóns de euros. Del derívase o reforzo de docentes para alumnado con necesidades educativas especiais e vulnerable, en total haberá 400 docentes de reforzo. Nese senso, recordou que Galicia se adianta ao resto de España ao computar de maneira especial o alumnado discapacitado, que contará por dous o por tres en función do grao de discapacidade.
Galicia xa era a comunidade máis inclusiva do Estado –como acreditan os datos do Ministerio de Educación– “e agora damos un novo paso incorporando unha medida pioneira en España que non existe en ningunha outra comunidade autónoma”, apuntou o delegado territorial. O Plan MEGA tamén vai permitir o reforzo das Matemáticas e da lectura, o impulso dunha rede de centros referentes que sexan exemplos destacados en diversos campos e un programa de apoio para o alumnado estranxeiro que chega a Galicia.
O delegado territorial tamén lembrou que este ano comeza cun reforzo integral das políticas de apoio ás familias. “Galicia xa é, deste curso, a primeira comunidade autónoma –e a única polo de agora– cun sistema educativo público gratuíto desde as escolas infantís ata a Universidade”, salientou.
Ás medidas xa en marcha desde hai varios anos, súmase agora a gratuidade da Universidade, o que permite un aforro medio por fillo de 3.000 euros. A maiores, fixo fincapé en todo o abano de iniciativas coas que a Xunta aforra 100 millóns de euros ás familias galegas, como as axudas de libros de texto a material escolar, o reparto de 400.000 libros de balde, a conxelación dos prezos dos comedores ou a gratuidade do transporte, dous servizos estes últimos nos que Galicia inviste moito máis que a media española, en total con estes dous servizos 1M€ ao dia.