A Xunta licita por máis de 708.000 euros o equipamento da nova UCI do CHUO

OurenseXa
O contrato inclúe o subministro, instalación e posta en funcionamento efectivo dos equipos
hospital_ourense
CHUO
31 Xul 2024

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación do contrato para a adquisición de equipamento electromédico con destino á Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Universitario de Ourense por un importe de 708.418 euros. O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 30 de agosto.

O equipamento que se licita componse de 8 respiradores volumétricos aplicable a pacientes adultos e pediátricos; 4 respiradores BiPAP para aplicacións non invasivas en pacientes críticos con respiración espontánea; 3 desfibriladores con monitorización e marcapasos (equipo portátil para desfibrilación dotado con monitorización de parámetros fisiológicos); 2 ecocardiógrafos de críticos para adquisición de imaxes mediante ultrasóns para a súa utilización en UCI; un tomógrafo de impedancia eléctrica que xera información rexional da ventilación no plano axial do tórax do paciente proporcionando imaxes en tempo real da distribución da ventilación ao carón da cama; e un respirador de transporte apto para utilizar en salas de resonancia magnética, aplicable a pacientes adultos e pediátricos.

O contrato inclúe o subministro, instalación e posta en funcionamento efectivo dos equipos. Ademais, a empresa adxudicataria ofrecerá programa de formación para o persoal no manexo dos equipos, diferenciando por grupos profesionais homoxéneos e de acordo coa dispoñibilidade do persoal do centro.

A ampliación e renovación integral da UCI que se está a levar a cabo no Hospital Universitario de Ourense supón pasar da vintena de camas ata chegar a 30, incrementando a capacidade asistencial en máis do 30%. Ademais, a ampliación responde, entre outras, a necesidades xurdidas tras a pandemia como a incorporación de boxes de illamento, a renovación de aire individualizada en cada box, ademais de contar coa última tecnoloxía de alarmas e seguimentos e guindastres individuais en cada box.

A ampliación tamén inclúe como novidade a humanización do servizo a creación dunha sala para o descanso de familiares que acompañen aos pacientes.

Desta forma, a nova UCI do hospital ourensán mellora a seguridade clínica, a monitorización dos pacientes, a individualización, a luminosidade e a humanización.

0.20429086685181