A Xunta licitará proximamente as obras no ciborio interior e o alumeado da catedral de Ourense

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, visitou este martes a Catedral de San Martiño de Ourense para anunciar que a Xunta prevé licitar nos vindeiros meses unha nova intervención centrada na restauración e conservación do ciborio interior, así como na mellora da súa iluminación. O investimento previsto para esta actuación ascende a 381.621 euros.
Durante a súa visita, Miramontes lembrou que no ano 2022 se realizou un estudo sobre os danos provocados polas filtracións de auga no ciborio. A raíz dese diagnóstico, acordouse dividir as obras en dúas fases. A primeira, centrada no exterior do ciborio e na fachada sur, xa está rematada e contou cun orzamento de 705.774,22 euros, cofinanciados con fondos FEDER 2014–2020. A segunda fase, que será licitada proximamente, abrangue a intervención no interior do ciborio, contando co respaldo económico da Xunta.
As actuacións previstas inclúen a restauración dos paramentos interiores mediante tarefas de limpeza e saneamento, retirada de xuntas deterioradas e novo rejuntado, reparación de gretas, fixación de elementos desprendidos e consolidación en puntos concretos. Ademais, revisarase a estrutura das bóvedas, mellorarase a toma de terra do pararraios e substituirase o pavimento na área do altar.
Tamén se contempla a mellora da iluminación interior, reorganizando o cableado actual e instalando un novo sistema ornamental, segundo o estudo lumínico xa realizado.
Con esta intervención completaríanse os traballos xa desenvolvidos tanto no ciborio como nas fachadas sur e occidental. Así mesmo, péchase o ciclo de actuacións sobre as cubertas, os sistemas de evacuación de augas pluviais e as conexións co saneamento, labores que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva promovendo desde o ano 2009, cun investimento total que supera os 3 millóns de euros por parte da Xunta.
Durante a visita, Miramontes puxo en valor o patrimonio da Catedral de Ourense, destacando que é “unha das xoias da Vía da Prata” e que está declarada Ben de Interese Cultural, razón pola cal resulta clave o compromiso institucional coa súa conservación. Neste sentido, referiuse ao Plan Catedrais Galicia 2021-2027 como unha ferramenta estratéxica, cun orzamento de 38 millóns de euros, inspirada no traballo realizado na Catedral de Santiago, e que busca garantir que os templos máis emblemáticos, entre eles San Martiño, cheguen nas mellores condicións ao próximo Ano Santo de 2027.
En concreto, para a Catedral de Ourense prevese un investimento de preto de 7 millóns de euros para acometer arredor dunha decena de actuacións en elementos como o arquivo, a fachada, o museo ou a reixa ornamental.