A Xunta mantivo unha reunión coa Confederación Empresarial de Ourense

OurenseXa
O conselleiro e o director xeral tamén abordaron coa CEO o Plan Remuda habilitado no seo dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego
Xunta-e-CEO-Ourense
19 Aug 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo un encontro co equipo de goberno da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), encabezado pola súa presidenta, Marisol Nóvoa, para avanzar no reforzo do tecido produtivo da provincia.

Así, abordaron cuestións como o interese en atraer de volta aos galegos residentes no exterior ou aos seus descendentes, a prioritaria remuda xeracional á fronte dos negocios e as microformacións para o emprego adaptadas ás necesidades das empresas.

Con respecto á captación de talento entre os galegos no exterior, na reunión falouse das vantaxes do programa Retorna Cualifica Emprego, ao que se lle está a dar un pulo da man das empresas para ofrecer traballos de calidade en orixe que promovan o retorno ao tempo que dan resposta á necesidade de persoal cualificado en certos sectores.

Así, recalcouse que o programa proporciona formación para o emprego ás persoas retornadas, ademais de axudas para viaxar e establecerse en Galicia. Nesa liña, sinalouse que boa parte dos novos empresarios da Comunidade tamén veñen de fóra, constatándose que arredor do 20 % das persoas atendidas na Rede de polos de emprendemento son retornadas ou estranxeiras, atraídas polas condicións de vida en Galicia.

O conselleiro e o director xeral tamén abordaron coa CEO o Plan Remuda habilitado no seo dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego, para garantir a continuidade dos negocios especialmente no rural, e que se está a apoiar cunha orde de axudas (o Bono Remuda) que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros para que as persoas interesadas en facerse cargo de empresas viables que vaian pechar poidan sufragar parte dos gastos que van afrontar. Engadiron que o prazo de solicitude desta convocatoria está aberto deica o 30 de outubro.

0.1578049659729