A Xunta mellorará a residencia e centro de día de Taboadela

OurenseXa
Asinarase un novo convenio de colaboración co Concello cun orzamento de case 50.000 euros para realizar reformas no interior
xunta-residencia-taboadela
Perfecto Rodríguez visita a residencia da Xunta en Taboadela
3 May 2025

A Xunta continuará coa mellora da súa residencia e centro de día en Taboadela, no que se desenvolverá unha nova actuación de cara a seguir aumentando a comodidade e o benestar das persoas maiores usuarias deste centro pertencente á rede pública do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O xerente deste ente autonómico, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde, Álvaro Vila, visitou este venres o equipamento para anunciar esta nova intervención, á que se destinarán preto de 50.000 euros.

Perfecto Rodríguez explicou que se asinará un novo convenio de colaboración co concello, propietario do inmoble, para financiar os traballos, que nesta fase consistirán en reformas interiores. En concreto, mellorarase a zona de lavandería, renovaranse as duchas en vestiarios, actuarase na rede de saneamento do edificio, instalarase un novo sistema de ventilación na planta soto e novos estores nas estancias de planta baixa. Tamén se procederá ao pintado interior das zonas de uso público.

Estas melloras súmanse as xa financiadas o ano pasado tamén polo Consorcio neste centro de maiores e que se centraron no exterior da edificación. Estas supuxeron a reforma da impermeabilización das fachadas para solucionar problemas de humidades e conseguir un mellor illamento térmico. Así mesmo, tamén se renovou o mobiliario coa instalación de camas articuladas.

0.15552687644958