A Xunta ofrece cofinanciar con Deputación e praceiros a rehabilitación da Praza de Abastos nº1

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou este xoves en Ourense nun encontro con representantes da Deputación provincial e da Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos nº1, para abordar a situación actual deste mercado, pechado desde hai seis anos e medio. A reunión celebrouse tras a ameaza do Concello de desafiuzar os praceiros, o que xerou unha importante polémica.
No encontro, o conselleiro González manifestou que a Xunta mantén a “man tendida” para buscar unha solución racional e desbloquear o futuro da Praza, cuxa titularidade corresponde ao Concello, que non obstante se nega a participar no financiamento das obras necesarias para a súa reapertura.
Ante esta negativa, a Xunta propuxo un cofinanciamento a tres bandas que inclúe á propia Xunta, á Deputación e aos comerciantes, para asumir sen achega municipal os traballos de adecuación do edificio, co fin de recuperar canto antes este espazo e o seu contorno na Alameda.
Segundo detallou González, “a Xunta mantería os comprometidos 1,4 millóns de euros para as obras de adecuación (1,2 millóns consignados nos Orzamentos de 2026 e a reserva de 200.000 euros para 2027), a Deputación de Ourense colaboraría con 200.000 euros e os praceiros completarían o orzamento cos 400.000 euros restantes”.
O conselleiro agradeceu o compromiso tanto da Deputación como dos praceiros, que xa contrataron o proxecto de obras, subliñando que con esta fórmula se supliría a falta de financiamento do Concello. Como contraprestación, solicitou que o Concello prorrogue a concesión aos comerciantes, algo contemplado no contrato vixente. “Que concesionario non pediría esta prórroga, recollida no contrato, para asumir un investimento de 400.000 euros?”, preguntou González, defendendo a lóxica e legalidade desta condición.
Así mesmo, o conselleiro puntualizou que as obras de accesibilidade, competencia municipal, si serían asumidas polo Concello. “Recoñecendo, polo tanto, as eivas na accesibilidade, tal e como levamos sinalando dende o inicio da negociación”, engadiu.
José González tamén criticou duramente a postura do goberno local, que ao seu xuízo está prexudicando un proxecto clave para Ourense. “O alcalde está a danar un proxecto que debería ser tractor para Ourense, ao insistir nunha posición na que semella que as cuestións persoais están a prevalecer sobre o ben común, cargando contra comerciantes da súa cidade, e que son os primeiros que queren volver á Praza, como demostran coa súa oferta de cofinanciamento”.
Ademais, lembrou que “o Concello é responsable da Praza, que leva seis anos e medio pechada coa Alameda ocupada por responsabilidade do goberno municipal; o edificio está inacabado, facendo inviable o retorno dos praceiros sen acometer antes as obras de adecuación; a Xunta ofreceu en maio de 2024 consensuar un plan funcional e cofinanciar as obras e, dende entón, o alcalde leva ano e medio instalado nunha sucesión de nons, con argumentos cada vez máis fráxiles e no que chega a romper un acordo asinado a tres bandas no que se comprometía a cofinanciar as obras. Todo para tratar de xustificar o seu posicionamento previo, enfrontándose a todas as familias da súa cidade e prefira xudicializar o conflito, con consecuencias sen medir, en lugar de chegar a acordos polo ben común”.
O conselleiro cualificou a situación de “completamente inédita” e criticou que “o alcalde está a danar un proxecto que debería ser tractor para Ourense, ao insistir nunha posición onde parecen prevalecer cuestións persoais sobre o interese xeral”.
Finalmente, González reiterou a vontade de colaboración da Xunta, a Deputación e os comerciantes para desbloquear a situación e amosou a súa sorpresa porque o Concello “prefira ir a unha guerra xudicial cunha ameaza de desafiuzamento, afectando aos praceiros e aos usuarios da Praza, en lugar de avanzar nun obxectivo común”.
“UNHA PROPOSTA TRAMPA”
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, respondeu esta mañá criticando con dureza o acordo entre Xunta, Deputación e comerciantes que, segundo el, é “unha proposta trampa”.
Nunha xunta de portavoces que se desenvolveu esta mañá na Alcaldía, a petición do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Pérez Jácome informou os grupos municipais da folla de ruta que prevé seguir o goberno municipal logo de que os comerciantes non presentasen en prazo o proxecto que lles requiriu o Concello para trasladar os seus postos.
Para o alcalde, “ampliar o prazo é unha proposta trampa, porque eles xa tiveron unha compensación por parte do Concello, de 7 anos de extensión do prazo do contrato da súa concesión máis un investimento de 700.000 euros por parte do Concello para o edificio provisional da Alameda onde desenvolven a súa actividade. Non podes volver compensar o que xa lles compensaches”.
O alcalde reitera que “hai un convenio que cumprir”, en relación ao asinado cos comerciantes e, ao seu xuízo, o acordo trataríase “dunha manobra dilatoria máis, que o único que pretende é retrasar o traslado. Os praceiros están moi cómodos na actual localización na Alameda”.