A Xunta pide a Jácome que “recapacite” e retome as negociacións para desbloquear a situación da Praza de Abastos

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, respondeu hoxe na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, unha pregunta relacionada coa situación actual do edificio da Praza de Abastos nº1 da cidade de Ourense, despois de que o Concello rompese dun xeito unilateral o protocolo asinado en novembro de 2024 coa Xunta e os concesionarios do mercado, pretendendo agora o goberno municipal que sexan os propios praceiros os que asuman as actuacións necesarias para completar a reforma e poder reabrir este espazo.
Na súa intervención, o director xeral fixo un chamamento ao goberno municipal ourensán para que recapacite e volva á mesa de negociación para desbloquear esta situación. “Mantemos a man tendida ao Concello de Ourense e o noso ofrecemento de 1,4 millóns de euros para cofinanciar as obras de adecuación necesarias para completar as obras”. Alén recalcou a “férrea vontade” da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para acadar “un acordo necesario e imprescindible para que todos os ourensáns recuperen a Praza e a Alameda”, ocupada desde hai 7 anos polo mercado provisional debido aos retrasos na reforma do edificio histórico por parte do actual goberno municipal.
Gabriel Alén lembrou que actualmente o interior da Praza de Abastos nº1 de Ourense está baleiro — “non existen as estruturas dos postos, os servizos elementais de auga ou luz...”—, e acometer estas actuacións, por contrato de concesión, é responsabilidade exclusiva do Concello: “Os praceiros son os primeiros que queren abandonar o mercado provisional e volver á Praza. Pero eles accederon a un mercado nunhas condicións de funcionalidade e operatividade que hoxe non se dan e que debe garantir o titular da propiedade. Falamos da distribución interiores dos postos, as conexións aos servizos básicos...”.
O director xeral de Comercio e Consumo realizou na súa intervención unha breve cronoloxía da mediación realizada pola Xunta a partir de maio de 2024 entre Concello e os concesionarios deste edificio municipal. Cos praceiros no mercado provisional da Alameda desde 2018, e sen un plan funcional que permitise completar a reforma, a intermediación da Xunta permite reabrir as negociacións, que desembocan nun protocolo de colaboración en novembro dese ano, no que Goberno autonómico e Concello acordan cofinanciar as obras de adecuación que se consensúen por todas as partes. Meses despois, cando o goberno municipal rompe esa colaboración, e co obxectivo de poder retomar o acordo a Xunta eleva a súa proposta aos 1,4 millóns de euros e ofrece licitar as obras. Pero o Concello non acepta este apoio e comunica aos comerciantes que deben facerse cargo eles mesmos das actuacións que previamente estaba disposto a cofinanciar, ameazando co desaloxo aos concesionarios. Alén lamentou o actual posicionamento do Concello, que “ameaza o futuro de 40 praceiros responsables de preto de 250 empregos directos”.
O director xeral de Comercio e Consumo volveu recalcar o firme compromiso coas prazas e mercados de abastos da comunidade, e entre elas a da cidade de Ourense poñendo en valor a súa capacidade e atracción e de dinamización do comercio local.
Nesta liña, Gabriel Alén lembrou que o Plan estratéxico do comercio 2025-2030 establece un eixo chave para estes espazos, apostando polo seu valor como mercados de atracción. Recentemente, o Consello da Xunta coñeceu a resolución da orde de achegas —dotada cun orzamento de 3,3 millóns de euros—, que beneficia a máis de 30 concellos e preto de 15 asociacións de toda Galicia, co obxectivo de seguir impulsando una rede de Mercados Excelentes, un selo de calidade que garante o bo producto, o bos servizo e boas instalacións.