A Xunta pon en valor o labor de Down Ourense a prol da plena integración

OurenseXa
O delegado en Ourense, Manuel Pardo, destacou o traballo desta asociación que conta con arredor de 150 usuarios
manuel-pardo-visita-down-ourense
Manuel Pardo nunha visita a Down Ourense
30 Oct 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a nova sede de Down Ourense, onde destacou o compromiso do Goberno galego coa inclusión e os dereitos das persoas con discapacidade.

Durante o percorrido polas novas instalacións, ás que a Xunta contribuíu cunha achega de máis de 300.000 euros, Pardo subliñou que o Executivo autonómico “sempre vai ter a man tendida a esta entidade social de referencia en toda a provincia” para que as persoas con síndrome de Down “estean presentes en todos os ámbitos da nosa sociedade”.

O delegado destacou a importancia de garantir “a inclusión educativa e unha formación adaptada” así como de fomentar “o acceso ao emprego e a inclusión sociolaboral”.

Pardo anunciou tamén que no ano 2026 o orzamento da Xunta volverá incrementar o apoio á discapacidade nun 8,5 % máis que o ano anterior, ata superar os 191 millóns de euros. Uns fondos que, segundo explicou, permitirán “seguir impulsando servizos fundamentais e reforzar o apoio ao tecido asociativo”.

“Quero mandarlle unha mensaxe ás familias de Ourense para que saiban que a Administración autonómica está ao seu carón”, afirmou, reiterando que a Xunta “segue sendo a súa gran aliada na loita para dar visibilidade aos dereitos das persoas con discapacidade”.

O representante do Goberno galego lembrou que a Xunta mantén “unha rede de colaboración estable con entidades como Down Galicia”, ás que presta apoio económico e institucional para desenvolver programas que promoven “a calidade de vida, a autonomía persoal, a inclusión social e laboral e a igualdade de oportunidades”.

Tras a visita, Pardo insistiu en que as administracións deben “aproveitar as oportunidades de axudar” e “acompañar” ás entidades sociais, dando así “contido á palabra inclusión”, aínda que recoñeceu que “é moito o traballo que aínda queda por facer”.
O delegado aproveitou a ocasión para felicitar ao equipo de Down Ourense, responsables, educadores e titores, “polo traballo incesante a prol dun futuro máis igualitario”, e recordou a recente apertura do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade de Ourense.

A nova sede de Down Ourense conta con máis de 800 m² repartidos en dúas plantas, cunha capacidade para atender a preto de 150 usuarios. O edificio naceu ante o aumento de beneficiarios nos últimos anos e foi posible grazas á colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, a ONCE e o Concello de Ourense, ademais das achegas propias da entidade.

Pardo puxo en valor o traballo que Down Ourense vén desenvolvendo desde hai máis de dúas décadas, “acompañando ás persoas con síndrome de Down e con discapacidade intelectual desde a infancia ata a idade adulta, cara unha maior independencia persoal e integración social e profesional”.

⚙ Configurar cookies
0.078500986099243