A Xunta pon en valor o labor dos CIM da provincia de Ourense na loita contra a violencia de xénero

OurenseXa
A provincia de Ourense conta cun total de 17 Centros de Información á Muller (CIM)
cim-verin
Manuel Pardo visita o CIM de Verín
29 Nov 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, coincidindo coas datas da celebración do Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, desprazouse este xoves ao CIM de Verín, onde destacou o investimento de 5,5 millóns de euros no mantemento dos Centros de Información á Muller (CIM), o que pon de manifesto o sólido compromiso da Xunta en loitar contra a violencia de xénero e fan de Galicia unha comunidade de referencia neste ámbito.

O delegado territorial sinalou a importancia que ten que a nosa comunidade conte cunha ampla rede de centros deste tipo nos que as mulleres reciben axuda e información. Galicia dispón de 84 CIM en funcionamento que dan cobertura a preto de 200 concellos. En Ourense existen 17 que, segundo Manuel Pardo, supoñen recursos próximos á cidadanía, exemplo de colaboración entre Xunta e concellos e garanten ás mulleres axuda xurídica, psicolóxica ou de calquera outro tipo.

Lembrou o representante do Goberno galego que o CIM da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, que ten unha área de influencia nos concellos de Verín, Vilardevós, Castrelo de Val, Monterrei, Oímbra, Laza  e Cualedro, recibiu nos últimos sete anos (2017-2024) da Xunta preto de 500.000 euros en achegas para levar a cabo os programas que garantiran ás mulleres axuda xurídica, psicolóxica ou de calquera outro tipo.

Cada ano aténdense neste centro a mais de 200 mulleres ás que se lle ofreceu servizos de orientación laboral dende a óptica da muller rural e tamén programas específicos con nenos e adolescentes en risco.

Manuel Pardo destacou que a resposta á violencia de xénero debe xirar en torno a tres eixos principais “a tolerancia cero, a resposta conxunta das administracións e da sociedade e a atención especializada ás vítimas”. E concluíu que a Xunta continuará apostando pola sensibilización da sociedade galega e poñendo o foco nos máis novos. Un exemplo, a primeira Lei de violencia dixital de España na que está a traballar a Consellería de Política Social e Igualdade, que terá como finalidade establecer medidas de sensibilización, prevención e detección do acoso no eido dixital, prestando especial atención ás mulleres, aínda que tamén a outros colectivos vulnerables.

0.17194795608521