A Xunta presenta en Nogueira de Ramuín os novos equipos de loita contra incendios

GaliciaXa | OurenseXa
Trátase de tres sistemas compostos por drons e as súas bases de operacións, equipados con tecnoloxía de última xeración desenvolvida en Galicia
novos-drons-incendios-xunta
2 Dec 2025

A Consellería de Medio Rural presentou este martes en Nogueira de Ramuín os novos equipos de vixilancia aérea avanzada que reforzarán a prevención e defensa contra incendios en Galicia durante o próximo ano. Trátase de tres sistemas compostos por drons e as súas bases de operacións, equipados con tecnoloxía de última xeración desenvolvida en Galicia.

Estes dispositivos, cedidos por Abanca e Afundación á Xunta, operarán en remoto desde estacións fixas ubicadas en zonas de alto risco, como as comarcas de Valdeorras, Verín e Ribeira Sacra. A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, destacou que esta tecnoloxía non só complementa a actual rede de videovixilancia forestal, senón que tamén sitúa a Galicia á vangarda na loita contra os incendios, grazas á innovación tecnolóxica local, e puxo en valor a importancia da colaboración público-privada nesta loita.

Durante o acto, que tivo lugar no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, realizouse unha demostración de voo do modelo DroneSafeBox, fabricado pola empresa galega ITG DroneSolutions. Este dron é capaz de realizar voos automáticos e autónomos con mínima intervención humana, e incorpora estacións meteorolóxicas e soporte técnico especializado.

A incorporación destes equipos reforza un sistema que a Xunta considera “un dos mellores de Europa”. A rede de videovixilancia forestal, que comezou en 2018 con 88 cámaras en 44 puntos, medrou ata acadar case 237 cámaras en 109 localizacións, cun investimento de máis de 5,5 millóns de euros. A esta infraestrutura súmanse tamén os drons empregados pola Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO).

⚙ Configurar cookies
0.080239057540894