A Xunta recibe 14 ofertas para a conservación da autoestrada Dozón-Ourense e do seu ramal cara ao Carballiño

A Xunta vén de recibir 14 ofertas para executar o contrato de conservación e mantemento das autoestradas Dozón-Ourense (AG-53) e do seu ramal cara ao Carballiño (AG-54) para os vindeiros 4 anos, cun orzamento de máis de 9,1 millóns de euros.
Este servizo inclúe as tarefas de conservación ordinaria e de viabilidade invernal nestas vías de alta capacidade de titularidade autonómica.
Os traballos a realizar polo adxudicatario contemplan tarefas de viabilidade destinadas a facilitar a circulación dos vehículos nesta vía en condicións axeitadas de seguridade e fluidez.
O contrato tamén abrangue as actividades de conservación ordinaria dirixidas a manter en boas condicións as características funcionais ou estruturais dos elementos da estrada e a corrixir os impactos negativos que poidan dificultar a correcta realización da súa función.
Entre as actividades de conservación extraordinaria que está previsto realizar neste novo contrato, a renovación de cerramento das vías, que se fará segundo necesidade, tras unha revisión exhaustiva do estado da actual.
Ademais, está previsto renovar a planta de fabricación de salmoira, a instalación dun novo silo para vialidade invernal no Alto de San Martiño, e a realización de revisións exhaustivas e reparacións de pantallas acústicas, de pantallas antivandálicas e dos marcos de delimitación da zona de dominio público, segundo se detecten deficiencias.