A Xunta reforza o seu apoio ás casas niño como solución de conciliación e igualdade no rural ourensán

A casa niño Xoaniña, no Concello ourensán de Castrelo de Miño, o escenario escollido polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, para destacar o compromiso do Goberno galego co modelo de atención temperá en contornos rurais. Acompañado polo alcalde, Avelino Pazos, Pardo puxo en valor o investimento de preto de cinco millóns de euros que a Xunta destinará ata 2028 ás 51 casas niño activas na provincia.
“As casas niño son unha gran solución para territorios rurais e con pouca poboación que, polas súas características, non teñen suficiente demanda para dispor dunha escola infantil, pero si poden ofrecer deste xeito un servizo fundamental para formar e atender os cativos nos seus primeiros anos de vida, favorecendo ademais a súa interacción social e apertura ao mundo, e permitir ao mesmo tempo que traballen os seus pais e nais”, afirmou o delegado territorial.
O representante da Xunta insistiu na importancia destas estruturas non só para a atención de nenas e nenos de 0 a 3 anos, senón tamén como ferramenta para facilitar a conciliación das familias. Pardo subliñou que se trata dunha aposta iniciada en 2016 co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades entre as familias que viven no rural e aquelas que residen en contornas urbanos.
As casas niño, que ofrecen atención personalizada e gratuíta durante o día de luns a venres, están deseñadas para atender un máximo de cinco menores por unidade. Estes espazos están rexidos por persoas cunha formación ou experiencia profesional específica, e deben cumprir requisitos estritos de seguridade e calidade.
O apoio da Xunta inclúe non só o financiamento do servizo, senón tamén achegas de ata 1.500 euros adicionais para renovar equipamento, material didáctico ou acometer melloras nos inmobles, como obras de mantemento ou eficiencia enerxética. Nesta convocatoria, ademais, a Xunta incrementou nun 5 % a contía das axudas ás titulares das casas niño, que pasan así a recibir 29.000 euros anuais para compensar os incrementos nos custos, como o prezo da luz ou os seguros.
Na actualidade, Galicia conta con máis de 100 casas niño en funcionamento, que ofertan máis de 500 prazas gratuítas para nenos e nenas de ata 3 anos en concellos do rural. O obxectivo, segundo destacou a Xunta, é seguir garantindo o acceso a servizos esenciais en igualdade de condicións, independentemente do lugar de residencia.