A Xunta remarca o apoio autonómico ao emprendemento no encontro Inspiro 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta martes no encontro de emprendedores Inspiro 2025, cuxo obxectivo é crear un espazo de sinerxías entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos, onde as ideas, o talento e a experiencia únense para inspirar a outras persoas nos seus proxectos de vida, tanto persoais como profesionais, avanzando en conxunto cara unha sociedade comprometida coa sostibilidade, eficiencia e a calidade.
Na súa intervención, Pablo Fernández recalcou que o emprendemento é un motor crucial para a innovación e o desenvolvemento económico da provincia de Ourense e do conxunto de Galicia. Así o amosa a aposta estratéxica do Goberno galego polo emprendemento, ao que se destinan máis de 32 millóns de euros. Neste senso, o secretario xeral lembrou a publicación hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia da nova convocatoria de achegas para apoiar as iniciativas emprendedoras constituídas en Galicia desde 2023 —dotada de 6,7 millóns de euros— que se poderán solicitar desde o vindeiro 21 de maio ata o 30 de xuño de 2025. Tamén destacou o labor de asesoramento da Rede de polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, e en concreto a dos polos situados na provincia de Ourense —O Barco, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín— que levan atendidos máis de 725 proxectos e realizadas preto de 320 activades.
No eido do traballo por conta propia, o secretario xeral lembrou aos presentes que o Goberno galego brinda un apoio integral aos autónomos con distintas medida como a orde unificada de máis de 40 millóns de euros que conta con cinco programas que abranguen desde o comezo da actividade ata a súa consolidación e mantemento e que está aberta ata o 30 de setembro.