A Xunta reuniuse cos novos directores dos centros educativos da localidade
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse esta mañá cos 12 novos directores que, tras o proceso convocado no mes de abril pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, asumen esta función nos centros docentes públicos da provincia de Ourense.
Nesta reunión de presentación abordáronse aspectos relativos á organización e funcionamento da Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en Ourense, ao obxecto de facilitar aos novos directores a información necesaria para o desenvolvemento das tarefas que asumen. Asemade, o delegado territorial trasladoulles as liñas de traballo da Consellería expostas polo conselleiro, Román Rodríguez, no seno da Xunta Autonómica de Directores.