A Zona de Baixas Emisións de Ourense afectará a todo o casco histórico

Comeza a conta atrás para a Zona de Baixas Emisións de Ourense, que podería entrar en funcionamento a finais deste ano e que afectará ao centro da cidade. O perímetro, tal e como avanzou o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, abranguerá toda a zona peonil de Ourense máis a zona interior delimitada polas rúas Progreso, Coruña, Pena Trevinca, Emilia Pardo Bazán e Avenida da Habana. Estas rúas quedarían excluídas, afectando á área situada no seu interior.
Prohibirase a circulación de vehículos sen etiqueta ambiental, vehículos de gasolina matriculados antes de xaneiro de 2001 e diésel anteriores a xaneiro de 2006, aínda que estarán exentos da prohibición no caso de acceso a garaxes ou aparcadoiros, se son residentes ou por outras causas (acceso a colexios, vehículos de persoas con mobilidade reducida, vehículos que presten servizo a persoas maiores ou dependentes, entre outros), explicou o alcalde.
Para Pérez Jácome, “Ourense cumpre con toda a calidade do aire e aquí non deberiamos estar obrigados a implantala”, pero lembra que a lei española de cambio climático obriga a establecer estas zonas ZBE en todos os municipios de máis de 50.000 habitantes.
O PSOE advirte de que Jácome chega “tarde a rastro”
Dende o grupo municipal socialista sinalan que estudarán toda a documentación do proxecto para realizar as achegas que consideren precisas, do mesmo xeito que fixeron co proxecto de ordenanza contra a contaminación acústica e o proxecto de ordenanza reguladora das tarifas dos servizos de abastecemento de auga potable e depuración de augas residuais.
“Consideramos, non obstante, que a Administración local chega tarde e a rastro con respecto á obriga que ten de implantar esta zona —segundo a Lei 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética— ao tratarse dun municipio con máis de 50.000 habitantes dende xaneiro de 2024”, lembra a concelleira do PSdeG María Fernández.
Apelan, polo tanto, ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome para que saque por fin do caixón o Plan de Mobilidade Urbana Sostible e poña en marcha políticas que fomenten a redución do tráfico rodado non só na ZBE, senón en toda a cidade, para contribuír ao principio que persegue promover o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: mellorar a calidade do aire e a calidade de vida das persoas.
“Ademais, é destacable a achega de fondos Next Generation que se realizará a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que concedeu subvencións do programa de axudas a municipios para a implantación de Zonas de Baixas Emisións”, conclúe a socialista.