Aarón Ibarra: “Queremos que a xente coñeza os artistas que temos en Ourense”

Estudios Abertos Ourense celebrará a súa segunda edición do 24 ao 26 de outubro, unha iniciativa que permitirá visitar obradoiros de artistas profesionais da cidade e da provincia. O proxecto, impulsado polo colectivo A Maquinadora, formado por exalumnado e profesorado do ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa, ten como obxectivo visibilizar a creación contemporánea no territorio. O ano pasado participaron máis de 1.500 persoas e abriron 14 obradoiros. Este ano prevénse entre 14 e 20, con artistas de diferentes disciplinas. Falamos con Aarón Ibarra, membro da Asociación A Maquinadora e parte do equipo organizador do evento.
A iniciativa xa comezou o ano pasado. Que balance facedes daquela primeira edición? Como foi a aceptación entre artistas e público?
Vale, pois mira, o ano pasado a verdade é que superamos as expectativas que tiñamos inicialmente. Houbo unha afluencia maior da que pensabamos.
Falando coa xente, a maior parte era de Ourense, pero tamén veu público de fóra. Non digo que viñeran especificamente de Alemaña ou Finlandia só para o evento, pero si que houbo visitantes deses países que aproveitaron para coñecelo, e iso foi moi gratificante.
O público en xeral respondeu moi ben, e tamén os artistas quedaron contentos. Sobre todo os que estaban en talleres dentro da cidade, onde houbo máis afluencia. Para os que estaban máis afastados habilitamos unha liña de autobús con paradas en obradoiros da periferia ou aldeas, e funcionou moi ben. En resumo, todo saíu mellor do esperado.
E que expectativas tedes para este ano? Credes que poderá superar o da primeira edición?
Esperamos que si, pero somos cautelosos. O ano pasado era algo novidoso, e este ano o que queremos é consolidar o formato e o proxecto, para que se manteña no tempo, como ocorre noutras cidades de Galicia, España ou incluso do mundo.
Este ano temos máis artistas e máis talleres, aínda que non moitos máis. O ano pasado abrimos 14 espazos con máis de 25 artistas, e este ano estaremos arredor de 18 ou 19 espazos, con uns 30 artistas.
O obxectivo é afianzar, non crecer por crecer. Si queremos mellorar a campaña de comunicación respecto ao ano pasado, para chegar a máis público.
Xa tedes a lista de artistas confirmada?
Si, está practicamente todo pechado. Hai un par de casos nos que estamos axustando datas ou necesidades concretas, pero en principio xa está listo. O xoves 25 de setembro presentaremos o cartel definitivo cos artistas participantes.
Como foi o proceso de organización desta segunda edición?
O difícil foi o ano pasado, porque era a primeira vez e non tiñamos referencias. Agora xa temos medio camiño feito. Esta edición é continuista, pero máis sinxela de organizar porque sabemos como actuar.
A maioría dos artistas xa participaron o ano pasado, pero tamén contamos con algúns novos. Estes días estamos ultimando detalles, pedindo material gráfico e preparando a web. En resumo, seguimos a liña de 2024, pero tentando facelo un pouco mellor.
Cal é o obxectivo fundamental deste proxecto?
Queremos dar a coñecer un ámbito que non sempre está tan presente para o público xeral. Eu mesmo non viña do mundo da arte e o ano pasado sorprendeume moito descubrir a cantidade de artistas e talleres que hai aquí. Ourense ten un enorme número de artistas profesionais para ser unha cidade pequena.
A idea con este proxecto é poñerlle cara ás persoas que están detrás das obras que vemos pola rúa. Queremos que a xente coñeza os artistas que temos en Ourense e tamén que os propios creadores poidan facer rede entre eles. O ano pasado moitos comentaron que non sabían da existencia doutros compañeiros que tiñan o taller preto. En definitiva, trátase de abrir espazos, visibilizar e conectar.
Contades con apoio institucional?
Si. O ano pasado tivemos o apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta, e este ano súmase tamén a Deputación de Ourense. Ademais contamos con colaboracións privadas de empresas e comercios. E tamén co apoio do CIFP A Farixa, o centro no que estudamos os que formamos parte da Maquinadora.
Que concellos participan nesta edición, ademais de Ourense?
Repetimos en Taboadela, que xa estivo o ano pasado. Tamén estaremos en Allariz, en Bande e en Xunqueira de Espadanedo.