Abel Caballero abordará este sábado na Casa do Pobo de Ourense os retos de futuro de Ourense e Vigo

O PSdeG-PSOE de Ourense organiza un novo parladoiro este sábado a partir das 17:30 horas da tarde na Casa do Pobo Provincial no que estará presente o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Baixo o lema “O Futuro do Sur de Galicia”, o rexedor da cidade olívica analizará cos asistentes os pasos de futuro a dar por cidades como Ourense e Vigo, así como polas provincias do sur de Galicia para adaptarse aos novos tempos.
Este acto aberto á cidadanía encádrase dentro do círculo de parladoiros que o PSdeG-PSOE de Ourense vén organizando ao longo dos últimos meses, co “claro” obxectivo de abrir á veciñanza a Casa do Pobo provincial e que sirva como punto de encontro onde desenvolver ideas e diálogos en beneficio da provincia de Ourense e dos diferentes municipios que a compoñen
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense convidan á cidadanía da cidade e da provincia a participar neste parladoiro e escoitar a un dos alcaldes referentes do país, como é Abel Caballero. “O rexedor do Vigo é todo un referente do municipalismo en Galicia e tamén en España”, destacan as e os socialistas, que tamén apuntan que “contaremos coa visión dunha persoa que transformou por completo Vigo dende a súa chegada á alcaldía da cidade”.
Abel Caballero aproveitará o acto para analizar polo miúdo o reto ao que se enfrontan as provincias, as cidades e as grandes vilas do sur de Galicia nos vindeiros anos. Un parladoiro no que se falará de infraestruturas, de política social, dos retos que asumen as institucións públicas no futuro e dos avances que precisan os cidadáns e as cidadás do sur de Galicia.