Abel Pallarés asume a dirección asistencial da área sanitaria de Ourense
A Consellería de Sanidade ven de nomear a Abel Pallarés Sanmartín, como novo Director Asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras substituíndo no cargo a María del Mar Vázquez Salvado. O doutor Pallarés era, ata o de agora, o Xefe de Servizo Neumoloxía do Hospital Universitario de Ourense, un dos servizos con maior volume asistencial, cargo que viña ocupando desde febreiro de 2023.
Nacido en Vigo e de 43 anos de idade, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Navarra. Ademais formouse como especialista en Neumoloxía, vía MIR, no Complexo Hospitalario de Vigo. Posúe un diploma de estudos avanzados pola Universidade de Vigo, así como diplomas AGER de excelencia en Pneumoloxía da SEPAR (Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica), e un HERMES de excelencia europea en Pneumoloxía, logrado en 2017.
Integramente vencellada a Galicia, a carreira profesional de Abel Pallarés estivo tamén ligada ás áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra, onde alternou o seu exercicio como neumólogo durante doce anos. De 2010 a 2017 como facultativo especialista do Complexo Hospitalario de Pontevedra, para asumir e poñer en marcha, entre 2017 e 2020, o novo Hospital de Día de Neumoloxía e coordinar a Unidade de Asma Grave, do Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo; pasando a coordinar a mesma unidade no Hospital de Pontevedra. Posteriormente trasladouse a Ourense para asumir a xefatura do Servizo de Neumoloxía do Hospital Universitario de Ourense en febreiro do 2023.
Implicado no desenvolvemento da especialidade de neumoloxía, desenvolve desde a súa residencia un papel activo nas súas sociedades profesionais, tanto nacional como autonómica, como representante galego no foro autonómico de Asma na SEPAR; Secretario do Comité Xoven SEPAR; membro do Grupo de Asma da SOGAPAR; Membro da Área EPOC da SEPAR, ademais dunha intensa actividade como relator en congresos e reunións profesionais
Colaborador Docente desde 2016 da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. O novo responsable da área de Neumoloxía foi coordinador do grupo asistencial Covid en Montecelo e participou activamente na acreditación da Unidade de Asma Especializada, dos complexos hospitalarios de Vigo e Pontevedra; vogal da Comisión Galega de Coordinación e Seguemento da actividade fronte a infección polo Mycobacterium Tuberculosis entre 2016 e 2020, e responsable de máis de 30 artigos e en revistas indexadas e máis de 70 comunicacións a congresos nacionais e internacionais.
Obxectivos da Dirección Asistencial
O novo Director asistencial terá como obxectivo o de asumir a xestión da demanda de servizos sanitarios, garantindo o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade na área sanitaria ourensá, desenvolvendo os programas entre niveis que sexan necesarios para conseguir a maior eficiencia do sistema.
Outro dos principais obxectivos é a estabilización do persoal asistencial que actualmente traballa na nosa área e a captación de novos profesionais para suplir as carencias que poidan existir no momento actual. Asemade terá a competencia de programar, dirixir e controlar a execución da actividade asistencial e coordinar a actividade das direccións dos distritos sanitarios de Verín e Valdeorras, así como de elevar á Xerencia da área a proposta dos plans anuais da actividade asistencial, investigadora e docente.