Abertas as solicitudes para o Programa de Termalismo para Nómades Dixitais da Deputación de Ourense
A Deputación de Ourense aprobou o pasado mes de xuño o primeiro Programa de Termalismo para Nómades Dixitais de toda España.
O Programa contempla estancias termais de entre 10 e 30 días en réxime de pensión completa, con acceso a internet de alta velocidade, así como 10 técnicas termais e posibilidade de revisión médica.
As persoas beneficiarias deben ter un traballo acreditado e baseado no uso da internet e as prazas poderanse obter a través de internet, de forma presencial ou por vía telefónica a través dos medios habilitados pola Deputación de Ourense a partir deste venres, 5 de xullo.
O concepto de 'nómade dixital' foi utilizado por primeira vez en 1997 para referirse a un novo modo de vida no que, grazas aos avances tecnolóxicos, os profesionais traballarían en calquera lugar e en calquera momento. Actualmente, este termo popularizouse para describir a quen traballa de maneira remota e sen estar limitados por unha localización xeográfica fixa. España está entre os tres destinos preferidos para moitos dos 35 millóns de nómades dixitais que hai no mundo.
Entre os beneficios do traballo remoto atópanse a flexibilidade horaria e xeográfica, o aforro de tempo e diñeiro ou o incremento na capacidade de concentración no traballo. Actualmente, a maior parte dos nómades dixitais son autónomos (83%). Deles, o 66% son propietarios de negocios, mentres que o 34% traballan como 'freelance'.
Precisamente, a formulación da Deputación de Ourense é configurar un programa para que os balnearios da provincia poidan captar este tipo de perfís profesionais.
En España, no marco da lei de startups, aprobouse o "visado para teletraballo de carácter internacional". Este permiso ten unha duración dun ano (renovable por períodos de dous anos ata un máximo de tres) e pódeno solicitar estranxeiros non residentes en España para traballar a distancia para unha empresa radicada noutro país ou para si mesmos baixo un réxime fiscal beneficioso.
En concreto, estes traballadores, profesionais altamente cualificados, emprendedores e investidores (e a súa unidade familiar) poderán optar por tributar polo Imposto da Renda de non Residentes (IRNR) durante o período impositivo de cambio de residencia e os cinco seguintes. A área de Benestar da Deputación de Ourense asesorará a todos aqueles nómades dixitais que se interesen polo Programa Termal sobre o visado que permitiría a súa entrada e residencia en Europa.
As Vilas Termais e os balnearios, un destino nómade dixital
Os balnearios estiveron desde sempre vinculados aos procesos de transformación e cambios; no seu día, relacionados estritamente coa innovación médica que estes supoñían, cando se presentaban como unha nova terapia, para pasar despois á innovación social que implican transformacións de condutas.
Nesta histórica capacidade de estar vinculados á transformación quérense identificar como destino nómade dixital, e abandeirar o concepto de “nómades dixitais termais”. Queren seguir participando de forma activa neste novo impulso social e laboral que asente as bases dunha nova cultura, e ofrecer aos membros deste concepto de traballo nómade alternativas que faciliten a atención a necesidades existentes, tales como aloxamento, alimentación e lecer experiencial conxugando con boa conexión a internet, tanto nos seus espazos individuais como nos comúns, e espazos flexibles de traballo compartidos xerando unha contorna propicia para a produtividade.
Os balnearios atópanse situados en contornas cunha rica cultura, ofrecen un ambiente tranquilo e rural caracterizado pola hospitalidade, o acceso á gastronomía local, e acceso a novas experiencias.
Ao tempo desexan ofrecer ao ámbito territorial onde a instalacións balnearias están situadas, a posibilidade de acceder ao coñecemento que proxectan os membros desta comunidade, xa que con eles levan os seus modelos de proxectos e negocios, mestúranse coa comunidade empresarial local, e posibilitan que se poida acceder ao talento sen necesidade de ter que contratar de maneira formal. Trátase, pois, dunha oportunidade que desde a administración provincial quere potenciarse.
A esta formulación de atracción como destino nómade dixital que contribúe á diferenciación do sector, que atrae poboación e fixa servizos no territorio, súmase a Deputación de Ourense desenvolvendo o seu Programa de Termalismo Nómade Dixital.