Aberto de novo o prazo para presentar alegación ao proxecto da planta de biogás de Xunqueira de Ambía

O prazo para presentar alegacións ao proxecto da planta de biometano de Xunqueira de Ambía volve abrirse ata o 8 de xaneiro. As alegacións pódense recoller, cubrir e entregar nos puntos indicados no cartel informativo, ou presentar nos rexistros oficiais habituais como o Concello, a Xunta ou a Subdelegación do Goberno.
Na primeira convocatoria, lembran dende o BNG de Xunqueira, reuníronse arredor de dous mil escritos, pero agora os nacionalistas anima a duplicar esa cifra para deixar claro que “A Limia non quere converterse nun vertedoiro nin nun territorio de sacrificio”. Alertan especialmente dos riscos para a saúde que supón esta planta, que pretende tratar 166.000 toneladas anuais de residuos, entre eles máis de 80.000 de puríns líquidos, nunha zona inundable e moi próxima a unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
Cabe lembrar que, debido a un “erro técnico” que provocou a perda das alegacións presentadas anteriormente, a Xunta de Galicia reabriu o proceso para que veciños e afectados poidan volver manifestar o seu rexeitamento ao proxecto.