Aberto o prazo de inscrición para obter o Certificado Galego de Competencias Dixitais no Concello da Bola

O Concello da Bola ten aberto o prazo para inscribirse nas probas para conseguir o Certificado Galego de Competencias Dixitais (ComDix) nas modalidades de Iniciación e Intermedio. Esta certificación é unha ferramenta importante para mellorar a empregabilidade e a autonomía tecnolóxica da cidadanía nun mundo cada vez máis dixital.
As convocatorias dispoñibles para o nivel de Iniciación inclúen unhas primeiras probas previstas para os días 25, 26 e 27 de febreiro, cun prazo de inscrición aberto ata o 28 de xaneiro. Ademais, haberá unha segunda convocatoria de Iniciación os días 17, 18 e 19 de xuño, coa inscrición do 4 ao 13 de maio. Para o nivel Intermedio, as probas realizaranse os días 28, 29 e 30 de abril, co prazo de inscrición aberto do 16 ao 25 de marzo.
As inscricións realízanse a través da páxina oficial da Rede Cemit, e as persoas que necesiten axuda poden acudir á aula Cemit da Bola para recibir soporte. Para máis información, o Concello ofrece os teléfonos 988 45 12 93 e 604 03 79 52.