Aberto o prazo de matrícula nas escolas de Artes e Oficios da Deputación de Ourense para o curso 2024-2025
As escolas de Artes e Oficios e de Gaitas da Deputación de Ourense abriron hoxe o prazo de matrícula para a inscrición do alumando no curso 2024-205.
No que atinxe á Escola de Artes e Oficios, a programación para o próximo curso académico inclúe debuxo e pintura, talla e escultura en madeira, modelado-escultura en barro e olería.
O curso desenvolverase entre o día 1 de outubro de 2024 e o 30 de xuño de 2025. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de setembro e poderase formalizar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O prezo da matrícula é de 50 euros por disciplina.
Tamén está xa lista a programación da Escola Provincial de Gaitas para o curso 2024-2025, cuxa actividade docente iniciarase o 1 de outubro e rematará o 30 de xuño. En total ofértanse 510 prazas para cursos de ciclos elemental, medio, superior e adultos de gaita, percusión, canto e pandeireta, tamén para adultos, e zanfona.
O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 31 de outubro e o prezo por curso académico e materia (gaita, percusión, zanfona, canto e pandeireta) será de 40 euros, con posibilidades de bonificacións.
En ambos os casos haberá bonificacións do 100 % nos prezos de matrícula para o alumnado que teña a condición de desempregado ou sexa fillo dun desempregado, así como tamén para todas aquelas persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%.
Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo
Por outra banda, o día 15 de setembro abrirase o prazo de matrícula para a inscrición nas actividades programadas polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo-Escola de Danza no curso 2024-2025. As persoas interesadas poderán matricularse nos obradoiros de baile tradicional; canto tradicional e pandeireta; gaita para grupos de acompañamento de baile tradicional; tecido artesán en teares tradicionais; e obradoiro de xogos populares.
A matrícula poderá formalizarse ata o 31 de outubro, no propio centro de cultura popular, no centro comercial das Lagoas. Os prezos van desde os 40 ata os 55 euros.