Aberto o prazo para participar na terceira edición do Concurso de Decoración de Fachadas de Samaín de San Cibrao das Viñas

O Concello de San Cibrao das Viñas pon en marcha a terceira edición do Concurso de Decoración de Fachadas de Samaín, baixo o lema “Este Samaín: O meu pobo dá medo”, co obxectivo de fomentar a creatividade e a participación cidadá, enchendo o municipio dun ambiente terrorífico e divertido propio desta festividade
O certame está aberto a todas as persoas empadroadas no municipio, que poden decorar a súa vivenda, balcón, ventá, porta ou xardín visible desde a rúa. Para participar, cada concursante deberá enviar dúas fotografías ou un vídeo de máximo un minuto ao correo cultura@sancibrao.es
, antes do 5 de novembro de 2025 ás 23:59 horas. As imaxes deben incluír título, nome e apelidos, número de teléfono, lugar de residencia, DNI e acreditar o empadroamento e a maioría de idade. Para calquera dúbida, pódese chamar ao teléfono 988 381 034
O xurado, formado por representantes do Concello e das asociacións veciñais, valorará as propostas en catro criterios iguais: grao de terror, orixinalidade e creatividade, coidado e detalle na decoración e uso de material reciclado, cada un cunha ponderación do 25%
O fallo do concurso farase público o 18 de novembro de 2025, e os premios están pensados para recoñecer o esforzo e a creatividade dos participantes, repartindo un total de seis galardóns en metálico que van desde os 200 euros para o primeiro premio ata os 75 euros para o sexto, pasando por 175, 150, 125 e 100 euros para o resto dos gañadores