Aberto o prazo para presentar obras para a súa edición pola Deputación de Ourense

OurenseXa
A institución provincial destina unha partida de 43.562,36 euros para este concurso que contempla dúas modalidades: edición exclusivamente a cargo da Deputación e coedición xunto con entidades sen ánimo de lucro
danos_fachada_pazo_provincial_deputacion_de_ourense
Pazo Provincial da Deputación de Ourense
2 Aug 2024

O concurso para a selección de obras para a súa edición ou coedición pola Deputación de Ourense correspondente ao exercicio 2024 ten aberto o seu prazo de presentación ata o 30 de agosto. As bases contemplan dúas modalidades: edición exclusivamente a cargo da Deputación ou coedición con entidades sen ánimo de lucro.

A Deputación, que destina unha partida de 43.562,36 euros para este concurso, establece dúas liñas de edición. A primeira delas refírese á edición de, polo menos, unha publicación referida ao estudo dos bens culturais específicos da provincia de Ourense co fin de que sexan estudados, divulgados, protexidos e transmítase o seu coñecemento ás xeracións futuras.

A segunda opción, a liña xeral de presentación, poden optar as seguintes obras:
- Compilacións, escolmas ou antoloxías de artigos publicados en periódicos locais de Ourense ou nas edicións locais de periódicos de ámbito máis amplo, así como gravacións ou transcricións escritas de programas radiofónicos locais
- Obras que teñan por obxecto o estudo ou divulgación do patrimonio natural de Ourense.
- Estudos históricos, científicos, xurídicos ou literarios relacionados coa provincia de Ourense.
- Obras artísticas, videográficas, literarias ou musicais de autores ourensáns de temática libre.

En ambas modalidades, as obras deben estar concluídas na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e deben ser exclusivamente orixinais. En todo caso, non se admitirán ao concurso solicitudes de autores que teñan publicadas dúas obras nas 5 últimas edicións deste concurso ou 3 obras nas últimas dez.
As obras que se presenten non poden vir maquetadas e ademais deberán estar acompañadas dun resumo do libro e un breve currículo do autor, sendo a extensión máxima dun folio. Presentarase nun documento todo o texto do libro co seu índice e non se inserirán imaxes dentro do texto.

Todos os detalles sobre as normas de presentación das obras poden consultarse nas bases do Boletín Oficial da Provincial do día 1 de xullo.

0.14020419120789