Aberto o prazo para que a mocidade ourensá solicite as axudas do Plan Provincial de Lectura

O Plan Provincial de Lectura, impulsado pola Deputación de Ourense, abre hoxe o prazo para que os menores empadroados nos municipios da provincia poidan solicitar axudas destinadas á compra de libros. A iniciativa, dotada cun investimento de 350.000 euros, busca fomentar o hábito lector e facilitar o acceso á cultura entre a mocidade ourensá.
O prazo para presentar as solicitudes xa está aberto e as compras deberán realizarse antes do 20 de decembro de 2025. As axudas consisten nunha achega máxima de 20 euros por persoa para a adquisición dun libro en calquera dos establecementos adheridos ao programa.
Máis de medio cento de librarías e comercios de toda a provincia sumáronse a esta iniciativa, cuxa listaxe completa pode consultarse na páxina web do Plan de Lectura. A medida conta ademais coa colaboración do Concello de Ourense.
Con motivo da apertura do prazo, a Concellería de Cultura organizou onte unha xornada informativa no Centro Cultural Marcos Valcárcel dirixida aos establecementos participantes, onde se explicou o funcionamento do programa e se resolveron dúbidas sobre a súa aplicación. Os comercios adheridos tamén disporán de material informativo para dar a coñecer a iniciativa entre a súa clientela.
O Plan Provincial de Lectura está dirixido á mocidade nacida a partir de 2007 e empadroada nalgún municipio da provincia. As axudas son compatibles con outras subvencións destinadas ao mesmo fin, promovidas por institucións públicas ou privadas.